Opinión

A historia do xigante

Hai libros que sementan libros. É o caso da obra de Simon Montefiore da que falabamos nestas páxinas a pasada semana, cuxa bibliografía —dispoñíbel en redes— chega case que ata as duascentas páxinas. Mergullado nela atopei a Historia de China de Michael Wood, coa boa fortuna de que estivese a piques de se publicar en España por Ático de los Libros.
China

Facer historia de China dende Occidente, en particular dende España, é un desafío dende hai décadas. Os meirandes éxitos chegaron en libros de alcance temporal limitado —os de Xulio Ríos ou Jonathan Spence— ou cunha temática específica —o magnífico O reino da auga de Philip Ball, sobre a relación da China co líquido elemento—. En troques, panoramas xerais coma o de Jean Gernet ou Endymion Wilkinson —este non traducido ao español— son áridos para o lector non informado e, polo tanto, máis axeitados para especialistas. Tampouco convén desprezar a barreira idiomática e o descoñecemento da xeografía política chinesa.

O libro de Michael Wood enche a maioría destes ocos de xeito magnífico. Trátase dun relato dunha axilidade asombrosa, conseguida con tres estratexias: o fondo coñecemento de todo o tema tratado, froito da experiencia do autor como profesor de Historia, xornalista e produtor de documentais, en especial a serie da BBC A historia de China; a conciencia de que para abordar unha historia de milleiros de anos é preciso suprimir mesmo séculos non demasiado relevantes, por exemplo, non moi avanzada a obra pasamos do ano 220 ao 600 da nosa era en apenas tres páxinas; e o uso de fontes directas en forma de diarios e cartas, que axudan a apreciar a vida diaria nas distintas épocas sen que Wood teña que se esforzar en asisadas descricións que, sen dúbida, serían máis difíciles de dixerir para o lector.

Agradécese en todo momento que o autor manteña a apertura de miras e non se deixe levar por prexuízos moi estendidos. Non estamos perante un relato cun fluír e un final predeterminados, algo frecuente nas visións que se teñen transmitido dende a China. Así, o devir da civilización chinesa pode resumirse nunha cita usada por Wood en varias ocasións e tomada do famoso comezo do Romance dos Tres Reinos, clásico literario chinés: "É unha verdade universalmente admitida que o que estivo unido moito tempo haberá de separarse". E, como pode constatarse no seu relato, estas separacións causaron grandes males, fames e mortaldades, case sempre ignoradas en Europa, casos das rebelións de An Lushan e Taiping, ou foron consecuencia de enormes desastres naturais, coma os cambios de curso do río Amarelo.

Dentro dunha obra con moitos acertos, hai un especialmente salientábel: o uso de grandes persoeiros chineses para explicar certas épocas. Wood decide seguir a persoeiros coma Shi Huangdi —o emperador dos guerreiros de terracota de Xi’an—, o monxe Xuanzang —que introduciu o budismo na China e quedou retratado na famosa novela Viaxe ao Oeste— ou o escritor Cao Xueqin, autor de Soño no pavillón vermello, a grande obra mestra da literatura chinesa, unha saga imperial e familiar propia da dinastía Qing, máis coñecida en Europa polo excelso retrato que fixo dela Bertolucci en O derradeiro emperador.

China é arestora o segundo país máis poderoso do mundo e probabelmente estea camiño de ser a superpotencia dominante. O coñecemento da súa milenaria historia, particular idiosincrasia e profunda cultura e arte só pode axudar a que o lector comprenda de xeito máis completo moitas das novas que chegan sobre ela. Non hai mellor xeito de facelo que cun libro coma o de Michael Wood, agardado por décadas e que manterá de seguro a súa vixencia nos tempos vindeiros.

Comentarios