Opinión

O home da Perestroika

Mijail Gorbachov

A LINGUA RUSA non é precisamente a máis coñecida por calquera habitante normal e corrente da Galiza nin do resto de España, polo que a introdución de termos procedentes dela ten un indiscutíbel efecto impactante no discurso. Ben o sabemos aqueles que vivimos nos anos 80: cando aos medios occidentais lles interesaba reducir a cinzas o réxime soviético eran de uso cotián os termos perestroika e glasnost, ata o punto que o xenial Ibáñez chegou a utilizar o primeiro para unha das súas historias, na que Mortadelo e Filemón tiñan que loitar contra a Pereztroika. 

O creador de palabras e políticas era Mijail Gorbachov, o primeiro político soviético mainstream dende Stalin, o sucesor dos xerontócratas que ocupaban os palcos da Praza Vermella durante os 60 —medio mortos de frío e con cara de non entender ren—. O home da mancha vermella na cachola que pasou a se converter nunha icona da renovación rusa, o visitante de George Bush Sr. en  Los Simpsons —destas novas nin no Pravda—. Gorbachov leva tempo retirado en funcións de xarrón chinés. É un espectro político de tal calibre que William Taubman puido publicar xa unha biografía súa sen preocuparse demasiado do que ocorre adoito cos biografados en vida: que podan facer algo que converta o libro en papel mollado.

A día de hoxe —datos de 2015 dispoñíbeis da FAO— a alimentación en Rusia está peor ca en 1985,

A escolla de William Taubman non semella casual. Un dos historiadores de referencia sobre Rusia nos Estados Unidos, gañou hai uns anos o prestixioso Pulitzer de Biografía pola súa obra sobre Nikita Jruschev, e durante estoutra non faltan os paralelismos entre os dous persoeiros, considerados polo autor as únicas posibilidades de reforma dun réxime paupérrimo e antidemocrático dende a perspectiva estadounidense e liberal.
Xusto este prexuízo que vimos de comentar é o principal lastre da obra de Taubman. As mellores biografías —pensemos na que Caro está a facer de Lyndon B. Johnson— transcenden con moito o personaxe retratado e recollen o espírito dunha época e a súa correspondente interpretación. Taubman non pode facer isto por unha sinxela razón: esnaquizaría o amábel retrato que se fai sobre Gorbachov.

Preséntase aquí ao derradeiro líder soviético como alguén que usou o tacticismo para medrar nas ringleiras dun partido corrompido e á Unión Soviética como unha nación de gran pobreza comparada cos Estados Unidos. Non se fai mención, porén, do feito de que existían unha serie de carencias seculares na economía de Rusia e tampouco de que aínda a día de hoxe —datos de 2015 dispoñíbeis nas páxinas de organismos tan pouco sospeitosos de manipulación como a FAO— a alimentación en Rusia está peor ca en 1985, malia que, como ocorre con frecuencia nos sistemas capitalistas, unha pequena elite de millonarios ofreza unha visión distinta en Occidente.

Que o debuxo literario que fai Taubman de Gorbachov sexa amábel non impide que chegue a tocar, como o excelente historiador que é, algúns puntos en sombra: a criticada presenza da súa esposa Raisa —unha figura dunha talla intelectual superior á do seu compañeiro— en certas decisións, a incapacidade do líder para escoitar opinións doutras persoas, a súa escasa habilidade para formar un equipo... Pero, por riba de todo, o texto deixa unha pregunta no aire: Que foi Gorbachov? Un auténtico socialdemócrata ao estilo europeo? Un socialista ao que se lle foron das mans unhas reformas arriscadas? Un esquerdista convertido en liberal que tiña a conciencia de que debía desmontar todo un sistema? Estas incógnitas non se poden resolver coa lectura, pero o autor leva a cabo unha fonda análise que permite dar ao lector os argumentos suficientes para que constrúa a súa opinión. Á volta dunhas décadas, coma sempre, a historia será a que absolva ou non.

Comentarios