Opinión

O mundo grego

Escultura

UN DOS maiores praceres que atopa un na docencia é compartir horas con compañeiros doutras disciplinas e colaborar con eles. Ao ser eu profesor de Lingua Española e humanista en xeral sinto especial simpatía polos profesores de Clásicas, en especial os de Grego. Porque hai que ser valente para, a estas alturas da película, poñerse diante dos rapaces 2.0, ensinarlles un alfabeto novo e falarlles dunha cultura extinta nalgún intre dende a morte de Alexandre Magno e a caída de Constantinopla. 
Estas semanas compartín conversas coa miña colega de Grego a raíz da publicación en Pasado & Presente de La era de las conquistas, unha revisión da historia da civilización de Grecia dende o reinado do caudillo macedonio ata o pasamento de Adriano, o derradeiro emperador romano ao que se pode considerar parte do toro heleno.

O autor, Angelos Chaniotis, profesor de Historia Antiga no mítico Instituto de Estudos Avanzados de Princeton —para entendérmonos, o centro que fundou intelectualmente Einstein ao emigrar aos Estados Unidos—, fai xa unha escolla arriscada no aspecto cronolóxico, xa que o que se coñece como a Grecia Helenística adoito remata na caída do Exipto de Cleopatra ou, como moi tarde, na chegada de Tiberio ao trono imperial. Por outra banda, a literatura científica ten separado tradicionalmente estes catrocentos anos en dúas etapas cunha fenda no ascenso definitivo de Roma tras as coñecidas como Guerras Macedónicas.

A lendaria figura de Alexandre Magno ten escurecido case que por completo o ocorrido en Macedonia e as terras que el conquistou pola espada. Chaniotis fai un repaso que adquire un valor especial pola atención que presta á conformación de reinos que serían chave nos séculos seguintes, como a Partia de Mitrídates, a Xudea da que sairía a relixión maioritaria en Occidente e a Persia dos sasánidas, que só sucumbirían ao pulo mahometano xa no século VI. O relato ten un bo ritmo narrativo, pero atópase con dificultades imposíbeis de resolver: a reiteración de nomes nas dinastías e o feito de que mesmo os entendidos non estean familiarizados coa xeografía ou a política do Oriente Antigo.

Rematado o relato histórico entra o autor a valorar os cambios máis importantes na sociedade, a relixión e a cultura. E de novo atopamos unha reivindicación tan necesaria como complexa. Xa dixo Alfred N. Whitehead que a filosofía occidental é en esencia notas a pé de páxina de Platón e Aristóteles. A súa sombra e a doutros, coma Sófocles, Fidias ou Pericles, cae sobre o acadado nos séculos seguintes, cando Eratóstenes foi quen de medir cun simple pau a circunferencia terrestre cun erro mínimo, Arquímedes e Euclides fundar a matemática tal como a coñecemos e Epicuro promover unhas ideas filosóficas e relixiosas de seguro máis adaptadas ao presente cás dos dous xigantes.

Onde nin Chaniotis nin nós, os lectores do século XXI, podemos avanzar practicamente nada é no eido literario, todo un símbolo da escuridade helenística. O pouco que sabemos de Menandro é grazas aos latinos Plauto e Terencio, apenas nada coñecemos de Calímaco e nada do famoso tráxico Licofrón. Por un paradoxo do destino o mellor poeta helenístico é nada menos ca un home do século XIX: foi Kostantinos Kavafis quen deu vida lírica ao mundo seleucida ou a Antonio. Os seus versos foron o limiar da aniquilación definitiva da civilización grega no Mediterráneo, ferida dende hai séculos pola barbarie relixiosa: a que asasinou a Hipatia en Alexandría e a que hai ben pouco fixo estoupar o Templo de Bel, en Palmira.

Comentarios