Opinión

Outras historias

A historiografía española non se caracteriza precisamente polo seu carácter progresista e moito menos pola súa tolerancia cara outros pobos que habitaron a Península Ibérica.

Pódese comprobar cos azares editoriais das que na miña opinión son as dúas mellores obras de Historia de España do século XX. España, un enigma histórico, escrita por Claudio Sánchez Albornoz e que escolle conectar o país coa civilización europea, reedítase con certa frecuencia e cando isto ocorre esgótase en pouco tempo; España en su historia, de Américo Castro, que analiza a historia española como o cruce das tres grandes relixións monoteístas nun espazo de convivencia, estivo imposíbel de atopar durante máis dunha década ata unha recente reedición en Trotta.

Isto non resulta estraño se temos en conta que os principais trazos que definiron esa historia (o poder militar dos Tercios, as conquistas americanas, a defensa do catolicismo tridentino) se teñen convertido en características do pensamento conservador do século XX en forma de militarismo, imperialismo e conservadorismo ideolóxico. Perante isto erguéronse figuras coma os hispanistas anglosaxóns (en xeral) ou Tuñón de Lara e érguese agora Gonzalo Pontón co seu  España, unha historia do país "dende o Neolítico a la covid". Publica Pasado y Presente e precísase sinalar que o mesmo Pontón é o creador e director da editorial, polo que exerce aquí, se me permiten a expresión, de cura, morto e enterrador.

Pontón, moito máis coñecido coma editor –unha das grandes figuras nese terreo dende hai décadas– non carece de credenciais para levar a cabo tal tarefa. Ademais de especialista en tirar do prelo ensaios seminais en moi diversas disciplinas, é el mesmo historiador e mesmo Premio Nacional de Ensaio cun libro sobre a desigualdade. Non é isto unha bagatela se temos en conta que os traballos de moda sobre historia de España nin sequera os escriben historiadoras

Facer esa historia dos máis desfavorecidos esixe esforzos aínda máis titánicos que os feitos polo autor,

O libro de Pontón non podía innovar en canto á materia, así que escolle outros camiños, sempre acertados. Destaca, sobre todo, a práctica do que poderiamos chamar comentario de texto en termos escolares: a introdución cada poucas páxinas de textos escritos por protagonistas de cadansúa época aos que seguen uns parágrafos de análise afiada por parte do autor. O efecto é demoledor, xa que decote esas verbas contradín as análises que se fixeron sobre elas co paso dos séculos.

O segundo camiño é o dunha posición ideolóxica que queda clara dende o mesmo inicio. Esta non é unha historia canónica, de príncipes, xenerais, bispos e heroes populares, senón que pretende ser a "historia do 95 por cento" —eses millóns de persoas dos que apenas quedan testemuños e cuxas vidas se vían afectadas polas decisións dos máis poderosos—.

Dende este punto de vista, o éxito de Pontón é relativo. En canto aos aspectos positivos, a escolla fai que o seu libro sexa sinxelo de ler e supón unha certa innovación no terreo das obras de divulgación histórica. Porén, facer esa historia dos máis desfavorecidos esixe esforzos aínda máis titánicos que os feitos polo autor, tanto no narrativo coma, sobre todo, no documental. Análises como as de Braudel sobre o mundo mediterráneo ou Ginzburg sobre o muiñeiro Menocchio non son só froito da vontade de falar de quen quedou no baúl da Historia —con maiúsculas— senón de décadas de se mergullar nos arquivos ou da escolla de casos individuais que se podan tomar como modelo xeral e dar unha imaxe máis humana dos tempos pasados.

Comentarios