Opinión

U-lo liberalismo?

COMO XA rematou a campaña electoral de Madrid podemos falar de política cun chisco de tranquilidade, sen perigo de recibir acusacións e (supoñemos) sen que a certos políticos, sobre todo da esquerda, lles cheguen balas en sobres e ameazas de morte, o que non é precisamente tranquilizador.

Os comicios na comunidade que alberga a capital de España semellan ter rematado definitivamente co enésimo proxecto político liberal en España. E uso aspas porque xa resulta curioso que a desfeita de Ciudadanos implicase a fortísima subida en voto dun partido (neo)conservador coma o Partido Popular e non tivese apenas efecto nos sufraxios do PSOE.

Para comprender este fenómeno nada mellor que recorrer á Historia e ao mercado editorial, que precisamente nestas datas nos ofrece un libro que garda unha boa cantidade de respostas. Trátase de Ilustración y liberalismo en España de Antonio Elorza e publica Tecnos, un selo que sempre é rigoroso, pero cuxas publicacións están máis dirixidas nos últimos anos ao público especializado.

Elorza é unha autoridade en temas de historia do liberalismo. Profesor de Ciencia Política, durante anos foi unha voz cotiá nos faladoiros polo seu coñecemento do conflito de Eta. Hai pouco quixo pasar ao estudo do terrorismo internacional, con pouco éxito dado que o seu libro sobre a Yihad era confuso e pouco axeitado para o grande público... A recuperación, se así se pode chamar, é asombrosa porque estoutra obra pode marcar os estudos sobre a época final do século XVIII en España durante as vindeiras décadas.

Dito isto, e despois dunha lectura demorada, sae o lector cunha certa sensación de que Elorza forza a nota, como é tradicional por outra banda en certa historiografía española, para encaixar moitos fenómenos dentro da etiqueta de ‘liberalismo’, que xunto a de Ilustración dá título ao libro. A análise comeza na parte final do reinado de Carlos III, déspota ilustrado e reformista en cuxo reinado unha minoría intelectual tentou rachar as cadeas do Santo Oficio e introducir unha parte do pensamento dos tempos.

En todo bo relato ten que haber un opoñente e neste de Elorza ese só pode ter un nome: Manuel Godoy.

A chave do anterior parágrafo atópase no tentou e na frase unha parte. Como demostra indirectamente o mesmo Elorza, o asunto non pasou de ser unha tentativa. E non só polo opresivo comportamento da Inquisición e a Igrexa católica en xeral senón porque personaxes como Jovellanos ou Cabarrús, que pasan por ser as mentes máis avanzadas do período, eran individuos contraditorios, que desexaban cambiar certas columnas sen tocar o edificio do absolutismo. Para ser máis concretos, podían asumir as ideas de Adam Smith —por pouco aplicábeis que fosen á pobre situación española— mais non as de Voltaire ou Rousseau, autores que ao cabo empurrarían o mundo das ideas cara o progreso dos séculos seguintes.

En todo bo relato ten que haber un opoñente e neste de Elorza ese só pode ter un nome: Manuel Godoy. Favorito de Carlos IV -e sobre todo da súa dona, María Luisa de Parma- e responsábel na práctica do país durante os tempos da Revolución Francesa, tallou a flor do progreso... aínda que a súa actuación se poda ver por unha banda dende a pura ambición política e por outra dende a perspectiva dunha loita entre un conservadorismo puro e outro máis reformista.

No desenlace atopamos ao verdadeiro heroe desta historia, que non é outro que Francisco de Goya. Ocorre que os españois deben lembrar que Goya morreu no exilio de Burdeos, liberal perseguido polo absolutismo. O uso da razón en España rematou en traxedia, algo que se repetiría en varias ocasións nas décadas seguintes e que explica o feito de que pouco liberalismo haxa lonxe do absolutismo, tal e como por certo argumentou en obra pouco citada hai ben pouco outro insigne especialista en Historia Contemporánea, o profesor Gil Pecharromán, cuxa obra interesa comparar coa de Elorza para ter un panorama completo.

Comentarios