lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Europa contra Caín

ILLA E manancial dos dereitos humanos. Faro para os que foxen da falta de oportunidades, das guerras do terceiro mundo cebadas polo primeiro, do clima invivible. A Europa dos valores democráticos, ameazada polos populismos de extrema dereita.

Convén que relea a nosa historia a xente do común, da cultura, da política. Para non condenarse ao mesmo pasado. Ou, como recorda a ironía intelixente de El Roto: "Es importante recordar el pasado para seguir en él". Enfrontamentos seculares dos países europeos levaron ás carnicerías do S.XX.

A Europa das Luces e da Razón, laica, solidaria e plural volve estar na diana dos nacionalismos pechados e tribais. Quen ía dicirnos que no país de Olof Palme medraría a extremismo ultra. Ou que a Holanda cosmopolita alumaría a Geert Wilders. Como imaxinar que no paraíso da igualdade do leste europeo medraría o Grupo de Visegrado, tan cerca dos euros e tan afastado dos valores europeos, e que reúne ao nacionalismo máis excluínte, como o de Viktor Orban. Na Francia republicana apareceu o fenómeno ultra coa saga dos Le Pen. Quen había de pensar que na Italia milenaria e culta chegarían ao poder bufóns como o de Cinco Estrelas ou o brutal Salvini. Campións con receitas rápidas agravan os problemas. A mellor Europa está a soportar un ataque na liña de flotación.

Tiñamos visto a figura excesiva de Trump, incríblemente no trono do mundo, capaz de atemorizar polo matonismo armado e a potencia económica. Non era imaxinable que o virus da xenofobia, do extremismo e dos medos prendera tan rápido. Agora o mundo está en vilo co atrabiliario Bolsonaro, nos bordos do poder en Brasil.

Eramos poucos e aparece por aquí o ideólogo do trumpismo, un zarapalleiro de extrema dereita, Steve Bannon, para crear unha internacional ultra do diñeiro, do nacionalismo excluínte, a destrución do estado social e a demonización dos inmigrantes.

O populismo actúa como o Flautista de Hamelín: atraíntes melodías de solucións rápidas a problemas complexos, sementeira masiva de medos á peor globalización, rexeitamento ao outro, o pobre, o forasteiro.

Fartos de solucións simplistas, de sobredoses de bandeiras, de dereitos á secesión dos ricos, de procesos de limpeza étnica, de enfrontamentos de credos sombríos, cómpre reivindicar como freo á extrema dereita, a mellor Europa. A que soñaron e puxeron en marcha en 1950, tras séculos de guerras, Adenauer, Monnet, Schuman e De Gasperi, pais do soño europeo.

A Unión Europea, a Europa unida. Fóra dela menudean dogmas e bárbaros, extremismos e brutalidade. Ou esa Internacional dos Nacionalismos Identitarios, do Odio e da Xenofobia que empeza con Trump, segue cos Orban e Salvini de turno e pode rematar en Bolsonaro. Caín a un lado, Europa no outro: o noso.

Europa contra Caín
Comentarios