sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

O tempo das amoras

AS MANS pegañentas. As espiñas que defenden o froito. O sabor doce e acedo. A calor, o po e as arañeiras tendidas nas silveiras.

Os meteorólogos falan do inicio do outono, a estación dourada, a época da fartura, das colleitas, da froita. Tempo da vendima neste veraniño de san Miguel que non quere esquecer o verán. Que non é quen de albiscar o outono, aínda que a paleta do sol xa ten todas as tonalidades do ouro.

Tempo das amoras, a froita do tempo dos nenos. A gran paparota dos paxaros está servida na mesa das silveiras. E como todos os froitos miúdos do bosque resulta que as amoras son unha bomba de vitaminas necesarias: A, B1, B2, C, E, ácido fólico, niacina. A lista de minerais que aporta é interminable: potasio, fósforo, ferro, sodio, magnesio, selenio, zinc, cobre, calcio. Vaia coas amoras! Non chegaría unha folla enteira para anotar as propiedades do pequeno froito para a saúde. Sen esquecer aos antioxidantes, sexa ou que sexa un antioxidante.

Todo iso, e moito máis. E como case todo na natureza, éche agasallo abondoso e gratuíto. Tempo das amoras. E dos pexegos, das pereiras, do mel, das ameixas, das mazás.

Diante de nós, o pequeno arbusto da familia das rosáceas, que o libro chama rubus ulmifolius, mora, silva, silveira, silveiral. Tempo de apañar amoras, de papalas, de poñerse morado.

Pero máis aló das propiedades, antioxidantes, vitaminas, as amoras agasallan con outras cousiñas. Están ao aire libre, tendidas ao sol. Así que convén buscar a sombra agarimosa. Contemplar entre as pólas dos carballos o voo dunha soa nube branca. Aquí e acolá todas as cores verdes. E baixar logo a vista á busca de bolboretas, agora tan escasas. Que foi delas?. Se clavas unha espiña no dedo, está permitido berrar. E xurar. Xurar e berrar.

E ole ben. A natureza enteira, cun pé no outono, outro no verán, é un infinito agasallo. Veraniño de san Miguel. Veroño, agora que as estacións difuminan as arestas. Agora que o Rei da Creación tenta pasar de humano a deus. Agora que puxo de xeonllos a natureza ata inaugurar unha etapa xeolóxica dominada pola excesiva influencia humana sobre os ecosistemas, o Antropoceno.

Tempo das amoras. Tempo marabillado de silencio, só roto pola carraca dun corvo que gralla. O canto miúdo dalgún paxariño. Este silencio gratuíto éche un regalo impagable no País do Ruído, no rechouchío político que non cesa, neste teatriño de sicofantas, no feirón social máis cerca dos berros que do pausado rumiar das ideas. Aquí, ao pé da terra, os sons están espidos de decibelios.

As mans pegañentas. Na boca o froito doce e maduro. Nos faiados da memoria aparecen os recordos da infancia. O ceo espido tan azul. Unha nube viaxeira tan branca. Un cabaliño do diaño copulando. Agora sí, unha bolboreta. O tempo das amoras.

O tempo das amoras
Comentarios