domingo. 09.05.2021 |
El tiempo
domingo. 09.05.2021
El tiempo

Teatriños de sicofantes

A SAÚDE, o equilibrio emocional obrigan a fuxir do balbordo, da furia do ruído, da atmósfera crispada. E refuxiarse no silencio, luxo aínda gratuíto.

Sicofante. Na antiga Grecia, a quen tanto debemos, designaba a un chantaxista da delación, da acusación, da calumnia. A un profesional que cobraba delatando. Persoas decentes e políticos honrados temían as denuncias falsas.

Pasou sempre. Pasa agora no país pragado de cámaras de disparo fácil, periódicos dixitais, redes sociais que multiplican información e desinformación, arañeiras onde quedan atrapadas noticias, fake news, linchamentos dixitais, o ollo do gran irmán. Os sicofantes, e os que os subvencionan, saben que a presa é gorentosa: o poder a as súas prebendas, as soterradas redes clientelares, os euros desmedidos. E todo agachado tras as grandes palabras da liberdade, a decencia, a democracia, o honestidade persoal.

De súpeto todo o mundo é sospeitoso, con pecados inconfesables na mochila da memoria. Culpables antes que presuntos inocentes: "A opinión pública xa a condenou a vostede".

Tertulias onde berran pero escoitan pouco, titulares excesivos, o rechouchío das vísceras, redes que xulgan, ditan sentencia e executan. A espada de Damocles nas mans dos sicofantes. Equivocábase Kapuscinski?: os cínicos tamén medran en certo xornalismo. En certa política. Os que teñen a pel máis fina abandonan. Insensibles aos sicofantes, resisten os paquidermos.

Contan dun tipo sensato enfrontando con palabras a entusiasta camada de Linch que quería rebentar a pedradas a unha puta: "Quen esté libre de pecado que tire a primeira pedra". Aquí abondan apedreadores profesionais. Vense a cotío nalgunhas tertulias onde os berros tapan as palabras, onde as palabras borran as ideas.

Quen soportará o omnipresente ollo do gran irmán? ¿Quen resistirá insinuacións, dossieres, calumnias? Con tanto sicofante ao asexo, quen se dedicará á política? Todo se degrada cando os mellores evitan entrar nesa lameira. Medran alí os cínicos, xusto os prescindibles no fermoso oficio do xornalismo, no durísimo traballo da política.

E mentres ferve o caldo de insinuacións, verdades, fakes... polo sumidoiro do presente escapan as cousas veciñas, as importantes: a maltratada educación pública, as pensións, a sanidade que de servizo público vai pasando a negocio privado, a fuxida da mocidade titulada, a protección social minguante, os dous velliños desafiuzados durmindo no parque, a ingobernable e parafascista secesión dos ricos, a depredación dos recursos a mans do 1%, as mulleres asasinadas, o abandono do rural.

Paro, ai, o goberno do cotiá non copa titulares. As ideas son maltratadas polos berros. Escasean os espazos de silencio. E o país asiste abraiado aos teatriños onde oubean os sicofantes.

Teatriños de sicofantes
Comentarios