El tiempo
viernes. 27.01.2023
El tiempo

Un mestre na aula do mundo

NA FOTO, sorrí diante do encerado cheo de signos matemáticos. A aula abrangue o planeta enteiro. Nela collen 72 millóns de alumnas e alumnos cos que dialoga en 36 idiomas distintos. Salman Khan, premio Princesa de Asturias en Cooperación.

A nai hindú, o pai bangladesí. Graduado do MIT, o seu futuro era amorear cartos como analista de fondos de risco, profesión daquel rei Midas que morreu cando descubriu que o ouro non se comía.

Agora da clases. Ao principio por teléfono a unha prima que suspendeu matemáticas. Despois por youtube onde ao parecer as matemáticas teñen un rostro máis amable que o odio africano dos expulsados do mundo dos números.

No libro La escuela del mundo di que a aprendizaxe ten tantos buratos como o queixo emmental. Os pedagogos explican que as clases son de 50 minutos pero a capacidade de atención oscila entre 10 e 18. Khan censura a escola de talla única: grupos da mesma idade, na mesma aula co mesmo temario. Leccións maxistrais na clase, tarefas na casa. Co diapasón que marca o ritmo do profesor. Os máis rápidos bocexan. Os lentos non se enteran. E iso que a proposta é coñecida: o alumno ten que ser o centro do sistema onde poida progresar ao seu ritmo para que o que non entende non se convirta na pedra de Sísifo. Sentados longas horas nas aulas, moitos quedan atrás. Por iso os vídeos de Khan duran 3, 5 ou 10 minutos. Leccións visuais que se poden repetir as veces que se queira.

Pregúntase pola duración das clases. Polos exames ás veces afastados da vida real. Polas vacacións, fonte de inequidade educativa porque os fillos de familias acomodadas viaxan, fan cursos, aprenden idiomas mentres o resto sestea como zombis nas pantallas. Pregúntase polo sentido dos deberes. A mesma palabra angustia. Rouban o tempo dos nenos. Tamén educa o aburrimento, e sobre todo estar, xogar cos iguais, sentar cos pais á mesa, falar e comer xuntos.

As aulas son importantes. E as profesoras e os mestres. Pero o centro é o alumno e non os temarios infinitos. Menos cousiñas e mellor aprendidas. Ao fin, defende algo tan pedagóxico como pensar máis, memorizar menos e aplicar o aprendido.

7.000 leccións colgadas en internet e, ao contrario da pizarra, non os borra. É importante repetir, volver atrás e non ser condenados ao atraso por ter faltado a unha lección. Khan identifica o fallo da escola tradicional: contidos estancos sen conexión coa realidade. O cerebro ten a clave: as redes neuronais funcionan con asociación de ideas. Entender algo é poder relacionalo co que xa sabes.

Por iso este premio. Porque defende que a mellor educación ten que chegar á inmensa maioría e non ao 1% de privilexiados. Por iso o Times colócao entre as personalidades máis influíntes. Un mestre na aula do mundo.

Un mestre na aula do mundo
Comentarios