sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Xente con sentidiño

TODAS E cada unha das palabras que habitan nos dicionarios son precisas. E necesarias. Poden resultar excesivas para tantos que usan tan poucas. Que as esfolan e tunean nas redes. E como estamos en tempos competitivos, onde importa o impacto dos titulares, ata para as palabras usamos podio. Palabras finalistas, campioa final.

Na nosa lingua competían feminicidio, quecemento, ecocidio, narcosubmarino. Ao final impúsose sentidiño, palabra do ano 2019, que define e deambula por cada día do ano que se foi. E imos necesitar moito para o que comenza. Sentidiño define o que en castelán, máis frío, precisa dúas palabras: sentido común. O menos común dos sentidos, rosma a madriña.

Todos vimos equipados cos clásicos cinco sentidos pero, ai, sentidiño falta en moitos. Véxase o espectáculo dos políticos. Tan nosos. Eleximos a estes representantes para nos gobernar pero dedícanse con ardor guerreiro e infinitos atrancos a impedir que goberne outro. Postos a elexir: eu torto pero ti cego. Arrepiante falta de sentido común, de sentidiño. En catalán teñen o seu sinónimo, o seny, pero ás veces cede ante a rauxa, a explosión de rabia, o arrebato.

Sentidiño vén de sentido, claro. De sentir. A nai etimolóxica éche o verbo latino sentire, percibir polos sentidos. Sentido vén sendo a facultade que nos permite entender o que pasa, xulgar e logo actuar. Con sentidiño. Témolo escoitado a miúdo na boca do mestre benintencionado: sentidiño, rapaz!

O sufixo -iño engade unha certa complicidade, un pouco de quentura e achegamento, unha petición amable para comportarse sensatamente. A calidade de sensato implica falar con respecto, poñerse na pel do outro, escoitar a súa opinión. Dialogar ata atopar puntos en común, ceder se é preciso, aceptar opinións contrarias. Cousiñas necesarias na política cando domina o sentidiño. E que se bota en falta cando domina o arrebato, as liñas vermellas, as trincheiras contra o inimigo, o queroseno nas palabras. Cando a secta ou a tribo substitúe á sociedade.

Sentidiño non é diminutivo. Nin cousa de nenos. Non xibariza a palabra sentido: faina máis cercana, máis familiar, máis necesaria. Actuar con sentidiño é positivo. Recoñecelo e dicir que alguén actúa con sentidiño, éche unha louvanza.

Con sensatez, con seny, con sentido común, son sentidiño toda solución é posible. Por veces a cousa pública semella estar en mans pouco sensatas. Vemos a líderes tomando malas decisións que afectan a tantos, copando pantallas e titulares. Por iso esta palabra cercana e quente, sentata e agarimosa podería ser todo un programa político. De goberno e de oposición.

E aínda menos mal que as cousiñas pequenas e necesarias, a veciñanza que acubilla, a vida que vai sendo posible, están nas mans de xente con sentidiño.

Xente con sentidiño
Comentarios