Opinión

Humanidade e solidariedade

ANDAN OS cans na bouza. En Santiago de Compostela van pola Alameda recreándose, paran xunto de Valle-Inclán e dende alí outean, contemplan a cidade vella, miran para a catedral e para o concello, dan a volta, andan polo paseo da Ferradura e ladran, tal como se fosen escorrentando ao lobo que vai comer as ovellas. En tódolos parques de tódalas cidades e vilas do país hai cadelos deambulando, moitos ceibes e outros atados, por imperativo legal, ben amarrados coa correa á man do amo.

Na praza do Castelo de Lugo vai o can Morito e lámbelle a perna vestida de bronce a don Ánxel Fole, marca o territorio e vaise buscando outra escultura para arrimarse tamén a ela. En Vigo, un grupo de mozas e mozos estaban abrazados aos seus cadelos (e cadelas) na praza das Apertas, mentres se deleitaban coas cores vivas de Antón Pulido, o grande Pulido que pinta, canta e dá vida onde queira que sexa e a quen sexa. Millóns de cadelos polas rúas, polos xardíns, polos paseos e por tódolos lugares das cidades. Nas cidades e vilas costeiras pasean e ladran, polos peiraos e polas veiras do mar. Nas cidades e vilas do interior tamén ladran, como se falaran sen esperar resposta.

Nas proximidades das residencias para maiores, todas elas no 'quinto pino', aumentan considerablemente os negocios caninos

Lugares novos para aseo do can e do gato, para que regresen peiteados e acicalados; garderías para cadelos e todo tipo de mascotas, tendas especias de regalo para o animaliño, "un máis da familia", co seu nome na cinta de atar e, se é o caso, coa súa foto no papel de envolver. Nas proximidades das residencias para maiores, todas elas no quinto pino, aumentan considerablemente os negocios caninos, modernos restaurantes con dieta sa e de produtos naturais, garderías para que os cuadrúpedes, despois de comer, descansen tranquilamente durante esa hora dominical na que o seu amo ou ama conversa, na grande sala de agarda, cos avós internados.

Milleiros de cans en tódalas esquinas, nos parques, nas rúas e no cuarto de estar do primeiro, do segundo e do terceiro dereita. Todos iguais e todos diferentes. Moitos como Amiña, a cadela daquela muller que, ao non poder facerlle a cartilla da Seguridade Social e non poder tampouco incluíla na súa, ía con ela ás revisións a un consultorio de pago. Portaba con elas unha pancarta reclamándolle ao Sistema "humanidade e solidariedade".

Comentarios