sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Detalles da política actual

DESPOIS DO cambio de presidencia do goberno no Estado español, sobre a rota da corrupción, obsérvase un motivo de fondo e mais de forma. Díxoselle (dixéronllo os cataláns, non españolistas) ao partido no goberno, por activa, pasiva e perifrástica, que non era boa idea xudicializar as relacións políticas, que estas tiñan unha senda propria a percorrer e que o poder xudicial, se fose independente, estaba para outras cuestións e non para dirimir conflitos de natureza exclusivamente política. E agora sucedeu que o partido no goberno acaba na oposición, pola vía xudicial!! Grandes paradoxos das relacións humanas. Claro que cando a vida política se plantexa como unha guerra, é lóxico que o cambio de armas oriente o inimigo para usar as mesmas e, usándoas, aniquilar con elas. É dicer, ao PP falloulle por esquecemento unha norma básica das artes marciais clásicas: non uses unha arma que non domines enteiramente porque se pode voltar contra ti. O "invento" de utilizar o poder xudicial para cuestións constitucionais, de necesidade de mudanza de leis, para anovación dos pactos de Estado en materia idem, para criminalizar ideas e postulados políticos novos..., é dicer, para xulgar materias non penais, nen civís, nen procesuais nen sequer administrativas, co resultado nefasto de enviar os representantes eleitos democraticamente á cadea, sen os receber, nen sequer lles falar, ten agora a súa correspondencia nun Presidente de goberno que se ve desprazado polo tsunami político provocado por unha sentenza xudicial.

Observamos, ademais, non sen certo roibén, que o expresidente non aturou unha sesión de censura na Cámara de representantes eleitos democraticamente —uns cantos do seu propio partido— e pasa a tarde nun restaurante. Poderíamos dicer: o sr. Raxoi pechou un restaurante (para el e acompañantes); supoñemos que non foi un ágape de celebración, mais si engadiu vergoña ao "papelón" previo, así como ao respeito esixíbel a todos os votantes. Unha bancada azul case baleira foi un desprezo aos representados que son —na súa denominación— o povo español.

Cando existe corrupción como modo compatíbel coa política para levar a cabo os traballos de representación, xestión e goberno do común, hai máis dun risco que cómpre ter en conta: pode espallarse o exemplo e acaba prevalecendo no eido social, difúndense as prácticas de corrupción en moitos eidos e, finalmente, o máis destemido que poida existir prevalece. De feito, o habitual é que a cada paso se estenda máis e máis corrupción. Acábase creando un clima social no que o menos interesante é a honradez, a eficacia, o traballo ben feito, é dicer, acaba frutificando a semente social da descomposición. Resumindo, sementar relacións sociais corruptas leva aparellado un certo mecanismo de desfeita social que abranxe todos os ámbitos das relacións, co que, a seguir, non hai lei que valla. Din os psicólogos sociais que non se pode coutar os nenos que usan abusivamente os dispositivos electrónicos se non viven o exemplo na casa. Un neno — igual que un cidadán diante da Facenda— non ten vontade espontánea de se reprimir, e moito menos se observa que os servidores públicos se serviron do común para o seu enriquecemento.

Detalles da política actual
Comentarios