Opinión

Nenos asasinos

LEO A NOTICIA dos nenos asasinos de Bilbao e non consigo imaxinarlles un rostro porque, conforme á lei, o real nin llelo vimos nin llelo veremos. Serán como de pesadelo, ectoplasmas, brancos e fantasmagóricos? Terán os ollos inxectados en sangue e odio? Semellaranse aos bonecos diabólicos con que o cine e as series arrepían a quen guste do terror? Terán cara de pícaros ou de nenos vellos? Ou pareceran anxos, de mirada inocente e sorriso engaiolante? Calquera pode ser o seu aspecto, mais a pregunta non é esa, senón estoutra: de onde procede a súa maldade temperá? Ou enunciado así: en que lugar se aprende tan cedo a matar e violar?

En principio, aceptando de antemán que me podo equivocar, atéñome á listaxe ben coñecida que alguén escribiu baixo esta epígrafe: "Os nenos aprenden o que viven". Se un neno vive criticado, aprende a condenar. Se vive respectado, aprende a respectar. A tolerancia farao tolerante; o estímulo, confiado; no aprecio, adestrarase en apreciar. A seguridade daralle fe; a aprobación, autoestima; a equidade, xustiza. Se o avergonzan, sentirase culpábel. Se o maltratan, talvez maltrate e sexa violento. Se un neno vive con amor e amizade, atopará amor en todo o mundo.

Repito que me podo equivocar, mais xuraría que estes pobres nenos malos dan o que recibiron. Se cadra todo se pode reducir á palabra abandono, culpábel ou non, porque as circunstancias son moi diversas. Son 'Cans perdidos sen colar', como titulara Gilbert Cesbron unha súa novela situada na Francia dos anos 50 do pasado século. Os protagonistas, orfos ou abandonados como consecuencia da Segunda Guerra Mundial, recluídos nun reformatorio, marxinados e faltos de afecto, terán no xuíz de menores Lamy o gran valedor. Só o cariño e compaixón deste home fará emerxer canto, malia todo, teñen de inocencia, xenerosidade e capacidade afectiva.

Háseme dicir que algúns nacen tortos e non hai nada que lles facer. Non quero falar de posíbeis grandes patoloxías mentais porque sería cousa de psiquiatras e psicólogos e eu diso nada sei. Porén, de educación, algo si. E, como se ten dito, a educación é unha segunda natureza.

Nos numerosos crimes cometidos por menores, hai unha constante: a falta de empatía. O labor que delegan os pais, en primeiro lugar, e outras entidades, se é o caso, realízano de xeito vicario certo tipo de televisión e/ou moitos videoxogos en que a adrenalina da violencia se adestra. Os seres virtuais non sofren nin padecen.

Quen mataría uns avós se os propios o remitisen á protección e á dozura? Os pobres nenos criminais descoñecen os rumbos da rosa dos ventos e por iso os atrapa o labirinto e levan noite nas pupilas.

Comentarios