Opinión

Armas e relixión

¿Casa ben que os militares lexionarios, custodios da ideoloxía de Millán Astray e de Francisco Franco, porten unha imaxe dun Cristo polas rúas de Málaga?

Á LUZ DO feito real e vixente de que a Legión Española (que é unha forza militar creada en 1920 por Millán Astray) participe con toda normalidade en actos relixiosos da Semana Santa en máis de 20 localidades, veume á lembranza un ensaio do catedrático da Universidade de Málaga, Demetrio E. Brisset, titulado precisamente ‘Ejército y rituales religiosos. Dos estudios de antropología política en la España actual’. ¿Podemos ver como normal ou natural, nun sistema constitucional de carácter laico (Art. 16, 3), que militares armados interveñan activamente en procesións relixiosas, neste caso católicas? Como ben lembra o profesor Brisset, no plano histórico a monarquía borbónica identificouse co Estado, a relixión e o exército regulamentando honores de carácter castrense a tributar aos símbolos relixiosos, e a xerarquía eclesiástica sempre foi compracente co mantemento duns valores de carácter bélico que moitos, dentro e fóra da Igrexa católica, non ven moi acaídos co ‘día do amor fraterno’ (Xoves Santo) nin coa sacramentalidade do ‘día do Corpus’.

¿Perviven aínda entre nós, en pleno 2019, valores simbólicos e reais do que se denominou e se segue a denominar ‘nacional-catolicismo’? ¿Casa ben que os militares lexionarios, custodios ou consignatarios da ideoloxía de Millán Astray e de Francisco Franco, oficiantes recoñecidos dun peculiar culto á morte ("Soy el novio de la muerte"), porten unha imaxe dun Cristo polas rúas de Málaga? Sen dúbida, existe unha relación histórica entre a maioría das relixións e as armas. Recentemente soubemos que unha igrexa en Pensilvania optou por bendicir armas de fogo e puidemos ver fotografías nas cales os fregueses usaban coroas feitas con balas mentres se bendicían os seus rifles semiautomáticos AR15 como instrumentos de defensa divina. Teólogos como Hans Küng, que participou no Concilio Vaticano II como asesor e que é autor de numerosas obras de carácter ético e teolóxico, non dubida en afirmar que as relixións monoteístas alimentaron historicamente e seguen a alimentar hoxe, en demostrados casos, a tentación a recorrer á violencia, moitas veces non só política senón tamén armada.

O Evanxeo, neste caso o de Mateo, déixao ben claro: "Torna a túa espada ao seu lugar, porque todos os que tomen a espada, a espada perecerán". As armas e a relixión nun Estado democrático non deberan ir nunca emparelladas.

Comentarios