domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

Solsticio de inverno

Para nós, que somos descendentes das antigas tribos luguesas o solsticio de inverno marca o comezo dun novo ano, cando o sol renace

A PALABRA ‘solsticio’, así nolo explicaron, vén do latín e significa literalmente ‘sol estático’. Mais, en verdade, o sol, a nosa estrela, non é un astro inmóbil ou invariábel, pois, igual que o noso planeta, viaxa decote pola galaxia, polo espazo estelar. No hemisferio boreal, que é o noso, nestas horas de decembro —cando a Terra está máis inclinada con respecto ao Sol—, ten lugar o día máis curto e a noite máis longa do ano, e a partir de aí, partindo dese ‘intre’, prodúcese ‘in crescendo’ o regreso do Sol, o advenimento da luz, pois os días comezan a medrar e proxéctase en nós, e para nós, un xeito de renacemento e unha nova forma, máis luminosa, de esperanza.

A Igrexa católica decidiu celebrar as Festas do Nadal inspirándose na celebración do solsticio de inverno (o nacemento do Sol), inicio dun ciclo vital nas primeiras sociedades agrarias que xa era coñecido e festexado por caldeos, exipcios, persas, sirios, fenicios, cananeos, gregos, romanos, hindús e todas as culturas orientais e da América precolombiana. E todo vén derivado de aí, do Astro Rei. ¿Acaso o nacemento de Mitra, deus persa do Ceo e da Luz, non se conmemora o día 25 de decembro? É o momento do Deus Solar Invicto, con nomes diferentes nas diferentes culturas: Horus, Helios, Attis, Krishna, Kukulká, Quetzalcoatl, Viracocha, Amateras ou Tamuz. E todo procede de aí, da percepción e da celebración da máxima polaridade da luz. 

Albert Camus, para quen isto escribe un dos máis grandes literatos do século XX, descubriu que no seu inverno persoal, e tamén no inverno exterior, existía un verán invencíbel, e tamén sabemos, así o relata o biólogo Rupert Sheldrake, que o ciclo solsticial implica un complexo sentido de participación interior directa dos seres humanos no mundo, nas enerxías cósmicas, da mesma maneira que a Luz inflúe no mundo, en nós, en virtude da súa presenza inmanente e transformadora. O poeta latino Catulo referíase a estes días saturnais do Sol Triunfante como «os mellores días» e a poeta Kathleen Raine fala nun poema titulado ‘Solsticio de inverno’ dunha «esperanza latente, anhelante de música». 

Para nós, que somos descendentes das antigas tribos luguesas, tan apegados á tradición celta, o solsticio de inverno marca o comezo dun novo ano, cando o sol renace (‘natalis sol invictus’), cando o Rei da Luz, o Deus Solar, se impón á escuridade. Felices festas.

Solsticio de inverno
Comentarios