Opinión

Violencia no fútbol

O fútbol é un dos grandes negocios do noso tempo, e consoltora Deloitte, que traballa en máis de 150 países, calcula que move máis de 500.000 de dólares

EU LEMBRO, porque non se pode esquecer, a morte dun seareiro do Deportivo coruñés, atopado no río Manzanares de Madrid con traumatismo craneoencefálico por mor dunha liorta moi violenta entre seguidores ultras do Frente Atlético e dos Riazor Blues. O caso deste deportivista asasinado, lembrarano vostedes, resolveuse co cese de dous cargos policiais. Mais o certo é que a violencia no fútbol, en calquera dos seus niveis, é algo moi presente e mesmo semella que vai en aumento. E máis alá da violencia que ten alicerces simbólicos e reais asociados á pertenza a unha equipa, identidade ou territorio concreto, o espazo de entretemento e negocio que xera o fútbol incorpora cada vez con máis frecuencia manifestacións de carácter racista ou xenófobo, moitas veces confluentes con posicións políticas fascistas ou de extrema dereita.

O fútbol é un dos grandes negocios do noso tempo, e a consultora Deloitte, que traballa en máis de 150 países, calcula que move máis de 500.000 millóns de dólares anuais

¿Existen estudos serios, de carácter sociolóxico, sobre a violencia nos campos de fútbol? Moi poucos. Interprétase a violencia no fútbol como un reflexo da violencia na sociedade, e que este cronista saiba tampouco existen estatísticas que dean conta dos casos de violencia acontecidos dentro ou fóra dos estadios deportivos, aínda que a percepción sobre o tema e a información xornalística sobre o particular demostre a existencia desta lacra.

O certo é que o fútbol é un dos grandes negocios do noso tempo, e a consultora Deloitte, que traballa en máis de 150 países, calcula que move máis de 500.000 millóns de dólares anuais. Arredor de 4 mil millóns de seres humanos viven pendentes do denominado deporte re e para estudosos como Jean-Marie Brohm –autor dun libro titulado Fútbol y pasiones políticas (1999)– o fútbol é unha superestrutura político-ideolóxica de capital avanzado que actúa como unha multinacional: os xogadores son a materia prima dunha industria, comercialízase a súa imaxe e o produto finalmente é vendido aos afeccionados, de xeito principal a través da televisión.

E agora, en modo crecente e moi preocupante, aparece a violencia no fútbol base e no fútbol infantil, entre pais e árbitros, entre pais e pais, dende a violencia verbal, sempre existente, á violencia física pura e dura. Non hai moito en Mallorca un partido de fútbol entre nenos acabou nunha batalla con múltiples feridos e denuncias entre pais e familiares. Tomemos boa nota. A educación e a cultura deportiva comezan a brillar pola súa ausencia.

Comentarios