lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Xustiza patriarcal

A visión patriarcal e androcéntrica predomina e sobrancea no tantas veces 'curral nubrado' do Poder Xudicial

UNHA AMIGA miña, unha vez coñecida a sentenza da Sección Segunda da Audiencia de Navarra relativa ao caso de 'La Manada', amosou nas redes sociais a súa absoluta vergoña e indignación por un fallo xudicial que agrede, dicía ela, a todas as mulleres. E outra amiga, tamén moi estimada por min, falou expresamente da existencia dun estamento xudicial patriarcal que non imparte verdadeira xustiza, porque está impregnado, digámolo así, de ideoloxismo reaccionario. Sen dúbida, a sentenza da 'manda' (así, en correcto galego) dos 5 mozos criminais, está afectada por unha caste de machismo que senta os seus foros na Xudicatura, pois é ben certo, e así é recoñecido, que a visión patriarcal e androcéntrica predomina e sobrancea no tantas veces 'curral nubrado' do Poder Xudicial.

Eu teño a certeza de que a gran maioría dos maxistrados, tan masculinos eles no seu proceder, non leu a obra de Olympe de Gouges titulada 'Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá' (1791), unha adaptación intelixente da 'Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán' publicada dous anos antes. E tampouco leron moitos dos xuíces en cuestión, con toda seguridade, a obra de Consuelo Barea 'Justicia Patriarcal. Violencia de género y custodia'. Por certo, a doutora Barea, psicoterapeuta e matemática, falecida só hai uns meses e case sen repercusión nos medios informativos, non dubidou en afirmar que ser sexista é unha ideoloxía equiparábel ao racismo e que nos tribunais españois existía un factor ideolóxico  —a toxicidade do patriarcal— que era favorábel ao home maltratador, ao violador de mulleres.

Cando escribo as liñas deste artigo, eu tamén indignado e sentindo certa náusea polo acontecido na Audiencia de Navarra, ferven en toda Galicia e en toda España, nas cidades e nas vilas, as mostras cívicas de indignación de milleiros de persoas que non entenden que os cinco procesados sexan condenados por abuso sexual e non por violación. Para os maxistrados non existiu violencia nin intimidación. E mesmo un deles, o maxistrado Ricardo González, afirma que el só ve a cinco varóns e unha muller practicando "actos sexuales en un ambiente de jolgorio y regocijo". Xulguen vostedes. É urxente reformar a Lei do Poder Xudicial e converter a tóxica Xustiza Patriarcal española en Xustiza Igualitaria. Porque fede que alcatrea no 'curral nubrado' da machista curia xudicial.

Xustiza patriarcal
Comentarios