miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Desvíos

QUE DESVÍO deste ar frío se cumpre no rostro? Aquel día, a muller abriu a xanela para que a choiva caíse no seu corpo. Deitada no chan, as pingas precipitábanse perpendicularmente nunha distancia que só podía concibir en danza: dous corpos que no tacto revelan a viaxe que tiveron que facer para se perder. Pechouna, porque nada máis se pode facer que entrar e saír do encontro, porque os amantes tampouco poden pronunciar a palabra sempre. O vidro xa pechado reflexaba o seu corpo sen cabeza. Un corpo sen cabeza, acéfalo, é un soño de fusión. Pero, efectivamente, o corpo non tiña cabeza nese cristal, e ese corpo era tamén unha distancia, a mesma distancia da choiva vinda da propia pel. 

Un desvío cambiará a orde do mundo. Como o estudante que non vai ao exame no filme Un homme qui dort, de Bernard Queysanne. Como a rapaza que olla a laranxeira até que cai o froito, coma o marmelo longamente medido de Antonio López. Un desvío cambiará a orde do mundo, non pola vía da oposición, senón do máis simple desexo de non ir hoxe traballar. Non ir hoxe traballar. Seguir camiñando. Non producir nada. Producir nada. Nesa orde. Se o universo se despregase en cada decisión, en todas as mañás habería alguén que deambula. Un eu-perdido.

O clinamen —inclinación, desvío— é o nome que en latín Lucrecio deu á impredecible desviación dos átomos na física de Epicuro. Moitas outras escritas servíronse deste concepto para pensar a liberdade, de Simone de Beauvoir a Jean Luc Nancy. O desvío é unha decisión moi pequena e diaria. Cada hora ten o seu desvío. Todos os desvíos parten do corpo. Se unha poidese estar queda, moi queda, sentiría como se move o mundo, como Carlos Oroza. Ou como Novoneyra: "Eu estaba núo no cruce de tódolos escondidos camiños que nos levan e íbame por todos iles a un tempo, non sei se pra dentro ou pra fóra". Curioso fío, desvío, o que uniu un poeta-pobo cun poeta estranxeiro.

A potencialidade máxima ten que ver co desvío. Determinadas retiradas son tamén unha paixón. "Recoñezo que hai un perigo ao que se expón o eremita co frío. Hai unha ebriedade no frío. Rece por min", pon Pascal Quignard na boca dun dos eremitas trapenses no seu libro Sobre a idea dunha comunidade de solitarios (Pre-Textos).
Que desvío do frío se cumpre no rostro? Na forza que ten de presionar a pel, no cerca que está de queimar o tacto, lonxe deste tempo morno e sen choiva onde nada se torce?

Desvíos
Comentarios