miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Un lorca inédito

Por primeira vez dende a época medieval un poeta alófono situaba o galego como lingua internacional da lírica

UN ACONTECEMENTO editorial histórico". Con esas palabras na contraportada, a editorial Chan da Pólvora sacaba do prelo o pasado 28 de xuño os Seis poemas galegos de Federico García Lorca, nunha data subliñada no colofón pola converxencia das reivindicacións LGTBI e da aprobación do Estatuto de Autonomía ao abeiro da constitución republicana do 31. O acontecemento histórico chegaría anos despois dese logro do nacionalismo, en 1935, cando a editorial Nós, dirixida por Ánxel Casal, deu a coñecer o inmenso agasallo do poeta andaluz á literatura e lingua galegas. Ademais do seu valor literario, por primeira vez dende a época medieval un poeta alófono —o poeta xenial da xeración da República— situaba o galego como lingua internacional da lírica. A presente edición dos poemas, ao coidado de Luís Cochón e Manuel González, abre en flor este acontecemento: "Camelia branca do ar,/ brilla entebrecido o sol", podemos ler fronte ao coñecido até agora: "Camelia branca do ar/ brila entebrecida ô sol". Versos que exemplifican ben o labor filolóxico de recuperación do texto orixinal, espido das correccións de Ernesto Guerra da Cal e Eduardo Blanco Amor que implicaron mudanzas de significado do autógrafo lorquiano. E, á par da descoberta deste Lorca inédito, os editores trasladaron o texto ao galego actual, facéndoo máis accesible ás lectoras de hoxe. Para a súa fixación partiron da copia en limpo en poder de quen fora o alcalde republicano de Lugo e amigo de Lorca, Francisco Lamas, reproducida xunto ao fascimilar de Nós, o que permite cotexar os cambios. Esta arqueoloxía do texto vai acompañada das achegas (‘Contornas’) de Méndez Ferrín, Isabel Bugallal, Antón Lopo, Arturo Casas, Xosé Sánchez Reboredo e Arcadio López Casanova, que agradecen, perfilan e sitúan o acontecemento: as viaxes de Lorca a Galicia, dende aquela primeira que mudaría o seu rumbo, de músico a poeta, en 1916, e da que a editorial Alvarellos publicou este ano a crónica completa baixo o título El gran viaje de estudios de García Lorca narrado en 1916; as afinidades vitais, as amizades, os afectos e os amores; a importancia da homosexualidade na súa obra, facendo xusta memoria a unha cuestión silenciada por parte da esquerda e sobre a que o fascismo construíra o relato vil do seu fusilamento.

Brilla o sol, e brilla tamén ese "sistema de espellos interiores" que Ferrín chama para facernos ver máis ca un texto escrito en galego, senón un trafego, lácteo e nocturno, do Romancero gitano ao Cancioneiro galego. A sombra, a morte, o corpo transido: o duende noso. Este terceiro volume da colección Rabo de Egua inclúe catro debuxos inéditos cos que Luís Seoane ilustrou os poemas no ano 1938 e unha ducia de fotografías nunha cuidada edición que fai mellor brillar a aquel que se sentiu, en Galicia, "poeta da alta herba, da chuvia alta e pausada".

Un lorca inédito
Comentarios