domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

Volven os eidos

'Os eidos', como lugares onde a memoria se concentra e irradia, eidos que Novoneyra definía como "os sitios da terra que poden nomearse nun microtopónimo, que poden identificarse por un nome"

Uxío Novoneyra
Uxío Novoneyra

POUCOS LIBROS como Os Eidos responden á idea de que a poesía é o que sempre volve. O propio autor, Uxío Novoneyra (1930-1999), volveu a eles ao longo da vida, dende a súa publicación en 1955. Idas e voltas que fundaron unha poética; xestos de escrita —engadir, borrar, puntuar, tensar a Lingua/Fala, tender o silencio— que lle deron ao libro substrato: continuas edicións dende aquela primeira que o situaría xa coma un clásico da literatura galega. Da man da editorial Chan da Pólvora e ao coidado de Antón Lopo, Luís Cochón e Elba Rei, chega agora a máis completa das edicións desta obra imprescindíbel.

Poucas experiencias de lectura desencadearon tanto afecto, poucos libros exerceron esta gravitación. Quen a sente pode recoñecerse no intenso limiar A nena de Vilarmao e o mestre do Courel. Diálogo presocrático, que a poeta Olga Novo, tamén investigadora de Novoneyra, asina como unha das novidades da edición. A nena de Vilarmao, que "oula en silencio uns versos do poeta de Parada", trala fiestra, de memoria, par coeur, como se o seu destino —o dos versos— fose o de voltaren a ser o pleno encontro dun ser e un lugar. "O espello poético devolvía a imaxe da mai nos trafegos da aldea, a imaxe do pai entre bois, tratando na feira, nos camiños, no soño", conta, do outro lado da serra, amplificada polo dicir nos ollos do poema.

Experiencia de lectura que, alén do espello dun rural que todos en Galicia en maior ou menor medida temos próximo, colle a calquera. Pois no fondo dese Libro do Courel que completa o título do poemario, vemos os ollos do poeta nese "ir á Terra buscar un soporte non enganoso". Así llo contou Novoneyra a Emilio Araúxo na longa conversa que mantiveron durante quince anos recollida en parte en Dos soños teimosos, e da que agora Araúxo presenta verbas inéditas do autor en forma dun glosario (As cores do ucedo) que cartografan e iluminan a poética do ciclo courelao e supoñen unha das grandes aportacións desta edición. Aldea, ametencia, casa, fala, folla, ingrave; nelas descubrimos o Novoneyra lector da súa obra por el comentada, o Novoneyra que non deixaba pasar ao poema palabra que non fose vivida.

Agonía do rural: "A ferida máis quente de Galicia. A ferida máis grande"


O título contén tamén poemas políticos como a Letanía de Galicia ou o Vietnam Canto, que integran o libro a partir da publicación de Os Eidos 2 (1974), e que o atravesan ata o espazo profundo da patria. Cantas veces diría o poeta, como recolle o glosario, que "Os Eidos non son paisaxe, son Terra", termos que hoxe xa talvez adquiren outra significación, pero en cuxa diferenciación rexeitaba a pura contemplación do outro —alleo e reducido á súa superficie—, en defensa da memoria, da memoria profunda que fai que o texto volva, do insepultable da memoria onde está o soño futuro: "…E inda é nova a Terra!" Pois político xa é traer ao texto a voz dun mundo e a plenitude de existirmos nel como esixencia da súa viabilidade. Agonía do rural: "A ferida máis quente de Galicia. A ferida máis grande".

"A casa!/ O val!/ A patria homilde!", escribía o poeta nas Elexías do Courel. Tres versos nos que están Os Eidos, como lugares onde a memoria se concentra e irradia, eidos que Novoneyra definía como "os sitios da terra que poden nomearse nun microtopónimo, que poden identificarse por un nome". Pois os ollos de Novoneyra non son aqueles que se esgotan na visión, senón os ollos que oen, onde o ver "non remata nunca", como nunca remata un pobo, como nunca rematou o libro. Nos Eidos todo ten nome, e cada nome un interior de memoria gardada que convoca o dicir. E de beleza. O Novoneyra de "mirar como eu o fago" de Ámeto mítico podería ser tamén o de mirar como eu falo, aquel que descobre a potencia poética da fala cando "dobran as campás da neve", o que constata que o que "vía na Terra xa o sabía a lingua". O poeta "da voz popular á poesía moderna, un salto ao abismo, da copla ao haiku, do ancestral ao profundo para ir máis alá", como di no limiar Olga Novo.

Esta nova edición de Os Eidos inclúe tamén unha serie de poemas caligráficos de distintas épocas. A importancia da visualidade en Novoneyra, que xa se pode ver nesta obra inaugural con poemas que ecoan no branco da páxina ou longos puntos que recrean a neve ou o "fiu de sol", ten a súa autonomía nos caligramas, rápidos como sinaturas onde o trazo vai por diante. "Inda que a lingua é infinita, a palabra está saturada e queda obsoleta, e entón busca a saída nese trazo caligráfico", cóntalle Novoneyra a Araúxo, nun dos múltiples apuntes sobre a súa dimensión escritural recollidos no glosario deste volume. Volume que cativaría ao seu autor, coa imaxe dos tesos tralo M da Biblioteca de Mesopotamia, colección de Chan da Pólvora que se inaugurou cos Contos de Mesopotamia de Ánxel Fole —que tamén naquel 1955 publicaría Terra brava— e da que Os Eidos é o segundo título. Mesopotamia soñada nese de Montaña, nese "Cerengo do teso!", horizonte para volver a un dos máis altos cumes da literatura galega e a unha das máis altas esixencias da poesía como "forma de entusiasmo e responsabilidade".

Volven os eidos
Comentarios