El tiempo
martes. 05.07.2022
El tiempo

A firme presenza

Proxecto pioneiro en canto a amosar a arte e o pensamento da muller, Voilà la femme, celebra o seu 25º aniversario no Museo de Pontevedra cunha escolla de traballos que son parte dun tempo que reivindica o feito en feminino e proxecta cara o futuro as súas posibilidades.

DENDE hai 25 anos celébrase no Ateneo Santa Cecilia de Marín o proxecto comisariado por Yolanda Herranz e Celeste Garrido que, baixo o título de Voilá la femme, nome dun famoso cadro de Francis Picabia de 1915, desenvolve todo un itinerario creativo dende o pensamento da muller e o seu xeito entender e interpretar a realidade a través dun discurso plástico. Estamos, polo tanto, ante unha edición especial que, celebrada no Museo de Pontevedra, vén a poñer en valor o moito feito, o comezo nun tempo no que non existía aínda esa sensibilidade nin esa mirada cara a creación feminina e as súas posibilidades e que agora aceptamos xa como algo habitual na nosa paisaxe artística.

Aquel cadro de Picabia celebraba a presenza da muller, anunciaba o seu papel e agora este proxecto válese daquela reclamación como o xeito de reafirmar unha posición que se afianzou de xeito firme nos últimos anos e que no eido artístico tamén tivo unha forte evolución, non só dende o meramente plástico, senón tamén dende o conceptual e os avances propostos dende o eido académico, moi necesario á hora de sistematizar toda unha formación teórica que suxeite ese discurso. A propia Yolanda Herranz, dende a súa cátedra na pontevedresa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, traballou de xeito intenso nesa dirección, propoñendo unha mirada ou, mellor dito, un posicionamento feminino na arte. Para iso contou cun amplo grupo de estudantes que posteriormente se converteron en artistas e que entenderon a necesidade de proxectar as súas inquedanzas creativas cara a sociedade a través dunha arte que fose non só forma, senón que tamén estivese reforzada por todo un plantexamento ideolóxico e de compromiso dende a rebeldía fronte á case total ausencia da muller dese debate artístico, máis alá de illadas experiencias vencelladas de xeito case único ao formal.


Percorrer esta mostra supón achegarse a un discurso moi necesario, complementario doutras realidades e doutros escenarios que, afortunadamente, as mulleres conquistaron nos últimos tempos. Voilà la femme xa berrou fai tempo dende a súa modestia inicial sobre as posibilidades da muller como axente creativo dentro da sociedade, afianzando unha cita singular e pioneira no universo expositivo mundial, non sendo poucas as conversas e chamadas que as comisarias reciben nos últimos tempos sobre cómo se xerou este proxecto de cara a súa realización noutras latitudes.

25 anos despois ‘Voilà la femme’ convértese en toda unha celebración grazas as máis de duascentas artistas que formaron parte dela


Cunha intelixente montaxe que permite o goce de cada unha das 50 pezas que a conforman, a subxectividade na autodefinición de cada unha das sensibilidades que aquí se achegan propoñen esa reflexión xenérica dende a diversidade de cada unha das 25 participantes. Reflexións sobre o corpo, a identidade, a sexualidade, a igualdade, a maternidade, os coidados ou os diferentes roles que asume a muller nun hábitat social non moi acolledor para ela. A calidade de todas e cada unha das pezas non permite o menor baixón en canto a atención que merece a visita, e disculpa calquera ausencia en relación ás participantes ao longo de todo este tempo, tendo na excelencia artística o compromiso irrenunciable na súa configuración.


Esta visibilización colectiva é, probablemente, a mellor demostración do acadado. Dese xeito as diferentes formulacións empregadas por cada unha das artistas, dende a pintura á escultura, dende a fotografía á videocreación, dende a performance ao debuxo, son canles o suficientemente útiles e cunha forza tal que permite sitúar á muller no lugar que nunca debeu perder, nun protagonismo compartido coa outra metade da poboación e que terá a súa materialización física nos próximos días coa necesaria edición dun catálogo que permitirá seguir afondando nesas posibilidades expresivas, e espallando o berro de quen tivo que empregarse a fondo para reconducir unha inxusta situación de desprezo e esquecemento, pero que tivo, dende Marín, dende Pontevedra e dende Galicia un xeito de revertir esa situación. 25 anos despois Voilà la femme convértese en toda unha celebración grazas as máis de duascentas artistas que formaron parte dela, pero, sobre todo, por ser quen de artellar toda unha rede de mulleres que converteron a súa paixón artística na rebeldía necesaria para facernos entender a todos que o seu interior, as súas inquedanzas, son unha maneira de entendernos e de progresar.

A firme presenza
Comentarios