jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

Entre o ceo e a terra

O museo Marco de Vigo acolle unha mostra da artista de orixe cubana Glenda León. Unha suxestiva mostra na que a música se visualiza a través dunha serie de pezas que xogan coa nosa imaxinación e nos converten en parte dunha reflexión sobre as posibilidades da arte.
'Metamorfosis' de Glenda León
'Metamorfosis' de Glenda León

CADA PEZA DE Glenda León é un pasaporte para facer da imaxinación e da arte un compromiso entre a creadora e o espectador. Un elo que converte a ambos nos cómplices precisos para facer da materia e das formas a corporeización da música, desa abstración que coñecemos convertida en sons e silencio, pero que agora, grazas as posibilidades plásticas desta creadora cubana, enchen o espazo cunhas sorprendentes pezas.

Co título de Música das formas nelas agóchanse, xa non só toda unha serie de elementos conceptuais sobre diferentes temas, senón tamén xorde a capacidade de emoción no visitante a esta mostra que chega procedente do Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo (MEIAC), afianzando así unha intelixente e estratéxica alianza entrecentros culturais.

Somos parte dun mundo cheo de estímulos, anacos de vida que moitas veces desprezamos pola súa condición de fugacidade ou de ser elementos que forman parte do cotiá. Glenda León recíbenos no primeiro dos espazos nos que se divide a súa mostra no primeiro andar do Marco cunha espléndida sala pensada de xeito particular para este espazo. Na zona central atopamos unha ringleira de herbas de diferentes alturas que son o propio latexo da artista, unha sorte de cardiograma que rexistra a necesidade de vencellarse coa natureza por parte dunha creadora que nos obriga a sentir esa contorna natural tantas veces sometida aos nosos caprichos e ditados fagocitarios. Son, polo tanto, latexos dunha complicidade que aquí se recorta fronte a un ceo que emerxe dunha parede descascada, un ceo esgotado que agocha unha intensa poética que un non se cansa de mirar e de percorrer.

Tamén bágoas que corren polo papel agardando a súa desaparición baixo o devir do tempo, como aquelas bágoas cinematográficas que esvaecen baixo a chuvia.

 Ao seu carón outro ceo converte as nubes en xeografías, continentes que nós mesmos podemos xerar deténdonos un instante ante ese ceo desta vez dixital. Preguntémonos canto tempo adicamos a ollar cara o ceo? A facer do noso tempo unha conquista da nosa mente que nos permita converter ese ceo nun desacougo da nosa extenuante vida.

Complétase este engaiolante espazo cun espello rachado e a mimética pola dunha árbore, así como as constelacións das súas Estrelas mastigadas, obras nas que de novo a natureza e unha mirada diferente cara a eses territorios converte estas pezas en silencios contidos, en percepcións do natural nas que, afastadas de toda presenza humana, unha sensación case surreal acada unha nova dimensión do que alí se presenta.

Accedemos ao segundo espazo da mostra e nel atopamos unha serie de pezas que responden a cuestións diversas, pero todas se atopan fiadas por unha sorte de fío invisible que as une e lle dá sentido a todo o conxunto. Nelas o tempo semella conxelado como reloxos de area aos que non se lles dá a volta. Tamén bágoas que corren polo papel agardando a súa desaparición baixo o devir do tempo, como aquelas bágoas cinematográficas que esvaecen baixo a chuvia. Pero tamén temos o retrato do poder, do político e, por suposto, do económico, aspectos que forman parte dun mundo cada vez máis complexo e que nos afasta dese ceo anterior para ubicarnos na terra e nas súas miserias, moitas delas xeradas por nós mesmos.

Chegamos á parte final, alí onde a música, esa materia tan ligada a Glenda León -estudou ballet clásico xunto con arte- convértese na protagonista, ao participar dunhas obras nas que atopamos sons, pero tamén interpretacións deses sons convertidos en parte do noso mundo, deixando a súa compoñente abstracta a un lado para participar de xeito físico da nosa realidade. As súas tapas de piano convertidas nunha bolboreta, as súas constelacións capaces de xerar sons, a súa escaleira que ascende como unha escala musical ou as súas Formas do tempo, que se prolongan nunha serie de pentagramas que, como se fosen cardiogramas, rexistran diferentes realidades da natureza, dende o camiñar das formigas ata o paso das nubes, ou da danza das abellas ata o movemento dos humanos, son, todas elas imprevisibles olladas á realidade.

O certo é que percorrer esta mostra é descubrir como entre o ceo e a terra non só o que se ve ten a súa importancia, senón que tamén aquilo que se agocha ante nós é máis que necesario, polo menos, e tal como demostra Glenda León, para descubrir a nosa capacidade de sentir dende o artístico e poder axitar así a bandeira da imaxinación.

Entre o ceo e a terra
Comentarios