Opinión

Un incendio a 37 graos

A revisión da figura de Xosé Velo enfróntanos a unha persoa comprometida coa liberdade do ser humano e que fixo da súa vida un permanente compromiso con Galicia, dende a política, máis tamén dende a súa paixón pola escrita que agora sae a luz dende diferentes achegas.

EMERXE a faciana de Xosé Velo (Celanova, 1916) da escuridade dunha memoria que o tempo se empeñou en esquecer, en agochala, como se fixo con tantos e tantos nomes que tinxiron a súa vida do compromiso e de accións fronte á tiranía dos protagonistas da sublevación militar de 1936 e a miseria dos anos posteriores ata a chegada dunha Democracia pola que poucos fixeron tanto como este home, tanto en Galicia, mentres puido estar na terra, como no exilio, alimentando as arelas de liberdade de tantos e tantos galegos cos que coincidiu ben en Venezuela ben no Brasil.

Ao longo deste ano asistimos á recuperación da súa figura e así é como a Deputación de Pontevedra, despois da compra do seu arquivo persoal, sacou do prelo un xa imprescindible volume para coñecer a súa biografía, así como as posibilidades dunha escrita que sempre foi unha das súas paixóns, con suliñables composicións poéticas e que todas xuntas amosan a súa sensibilidade fronte aos acontecementos que encheron de tebras aos seus paisanos e a unha terra que ía ser o berce eterno do seu compromiso vital. Un libro que, impulsado por Arraianos producións, con Aser Álvarez á fronte, se completa cun documental que percorre dende a imaxe todo o seu quefacer e cunha exposición que ao longo do verán estivo na casa do seu Concello natal e agora poderase ver no colexio de Celanova ata o comezo da súa itinerancia en outubro por Baiona e Vigo. 

Esa foi a cidade na que viviu tras marchar de Celanova, xa perseguido polo fascismo, e onde deixara a semente de ser o fundador das Mocidades Galeguistas en 1932, converténdose no Secretario Xeral da II Asamblea das Mocedades Galeguistas en 1935, onde se evidenciou a súa capacidade para a oratoria, como ben lembrou en máis dunha ocasión o seu compañeiro de esperanzas Celso Emilio Ferreiro.

Edita un xornal en galego e activa non poucas conciencias para manter esa resistencia en pé


 Naquel Vigo continuou a loita antifranquista sendo detido. Un cárcere que repetiu en Portugal, a onde fuxira, pero onde se atopou outra Ditadura, a de Salazar, dalí e grazas a amizade establecida tempo atrás en Bueu co escritor e posteriormente presidente venezolano Rómulo Gallegos, consegue un pasaporte que lle permite marchar ao país caribeño en 1948. Alí vive a súa primeira estadía no exilio e como delegado do Lar Galego de Caracas participa en 1956 en Bos Aires no primeiro Congreso da Emigración. Son tempos de activismo non só contra o franquismo, senón contra a outra ditadura ibérica, esa que tamén coñecera en primeira persoa.

Edita un xornal en galego e activa non poucas conciencias para manter esa resistencia en pé.

En 1961 lidera a acción que o levou a ser máis coñecido, como foi o secuestro do transatlántico Santa María que facía a ruta dende o venezolano porto de La Guaira ata Vigo con 609 pasaxeiros, a meirande parte galegos e portugueses. Un feito que chamou a atención internacional e mesmo levou ao presidente Kennedy a opinar públicamente do asunto. Esa denuncia da falla de liberdades en España e Portugal mediante o secuestro dun buque converteu a Xosé Velo nun heroe, e así é recibido en Recife, Brasil, onde se liberaron aos pasaxeiros e a tripulación recibiu honras sendo acollidos como refuxiados políticos. Brasil foi espazo do segundo exilio de Xosé Velo, ata o seu falecemento en 1972, aos 55 anos, por un cancro de pulmón que non fora ben diagnosticado.

En São Paulo, tras reunir a súa familia, a súa muller Jovita e os seus tres fillos, abre unha libraría co nome de Nós e funda unha editora na que publica a Rosalía de Castro traducida ao portugués e na que tiña a intención de reunir o seus textos e poesías publicados anteriormente de xeito espallado en diferentes medios galegos, venezolanos e brasileiros, pero o avance da súa doenza impediulle acadar esa empresa que o tempo quixo que fora agora, cando se cumpren cincuenta anos do seu pasamento, e tras o pulo dunha serie de persoas lideradas polo sempre bulideiro Aser Álvarez, cando os seus escritos visen a luz dun xeito ordeado e coidado, xa que en Xosé Velo. Textos escollidos, temos, xunto a unha biografía que xa recollera Antonio Piñeiro na editora Xerais, da súa propia man, non só un itinerario vital, senón tamén unha mirada creativa sobre a vida dos que o rodearon, sobre a vida dos que coñeceu, pero, sobre todo, dunha vida que, como el mesmo definiu, "é un incendio a 37 graos".

Comentarios