Opinión

As marabillas de Suso Fandiño

O CGAC acolle unha ampla mostra de Suso Fandiño na que se reflexiona sobre a converxencia de arte e historia a través dunha serie de obxectos que mudan a súa orixe e significado tras a simbiose con diferentes elementos e o acubillo no museo.

TEN A IDEA do museo o seu precedente histórico naqueles gabinetes de curiosidades ou cámaras de marabillas que na Europa central xuntaban toda unha serie de elementos sen unha clara distinción das súas posibilidades científicas ou artísticas, pero que si servían como rexistro dunha época. Unha acumulación masiva que xerou un espírito coleccionista ao que recurre Suso Fandiño para artellar unha mostra baixo o título de Wunderkammer  –a palabra xermánica que nomea aquelas cámaras marabillosas– no CGAC compostelano, nunha moi recomendable exposición que se converte en toda unha lección de cómo reinterpretar obxectos da nosa sociedade e modificar os seus significados iniciais a través da conxunción de varios elementos ou da súa disposición fronte ao público que acude ao Museo.

Tal e como expresa a comisaria da mostra, Mónica Maneiro: "Trátase ante todo de activar no espectador a necesidade de buscar significados ocultos. Dende esta posición proponnos un espazo de xogo e reflexión sobre a morte do autor, a futilidade do discurso hexemónico na historiografía artística, o papel do espectador na arte, o xogo político de fronteiras, o marketing ideolóxico, a construción da identidade nacional, a apropiación simbólica da arte polos gobernos ou a análise da linguaxe como sistema de configuración do pensamento". Toda unha riqueza á hora de converter a obra de arte nun espazo de diálogo co espectador que, ao pouco tempo de estar diante destas pezas, comproba como xorde todo ese itinerario de posibilidades no seus significados, moitos deles inesperados na configuración inicial deses elementos. Suso Fandiño, como artista conceptual, parte do ready-made para darlle forma ao seu pensamento, para activar de xeito material o seu pensamento e así, lonxe dunha escolla ao chou do obxecto, e dentro dun proceso de investigación, será a procura consciente dunha serie de pezas cuns determinados significantes os que lle permitan mudar esas compoñentes e diversificar a súa proposta.

Máis o menos intervidos, a interacción entre eles queda ben clara en series como Postcards, nas que se suporpoñen imaxes como as postais do Museo do Prado ou do Guggenheim de Nova York, acompañadas doutras de recintos de lecer como piscinas, hoteis ou praias coas que visibilizar a banalización da cultura na nosa sociedade ou, no caso español, como se fixo co turismo nun momento determinado, e posiblemente do que aínda non nos despegamos, converténdoo ese sector nunha parte esencial da nosa identidade. Outro bo exemplo desa conxunción de elementos sería a peza Treasure Island na que sobre unha edición de A illa do Tesouro se sitúa unha figuriña que lembra o Memorial de Guerra do Corpo de Marines dos Estados Unidos en alusión as crises do refuxiados.

A forza do ‘ready-made’ evidénciase tamén nese espazo tan complexo do CGAC como é o Dobre Espazo, un cubo cunha grande altura

O museo como elemento de márketing con fotografías nas que se aprecia como a publicidade deses centros culturais forman parte das nosas cidades ou o seu Tren a Kassel, en referencia a Documenta como cita de abafamento do artista inmerso nunha programación chea de nomes e máis nomes, ou sometida polos proxectos curatoriais son bo reflexo da crítica á relación do creador co noso tempo.

Moi interesantes son tamén as pezas sobre as identidades nacionais, obras nas que a través de mapas, planos, caixas de mistos ou mesmo crebacabezas se reflexiona sobre os Estados e como estes se amosan dun xeito ben fráxil ante a historia. Xéranse así non só fracturas, senón tamén novas formas, novas xeografías que na acumulación de países baixo entidades superiores en resposta a intereses económicos, non son quen de dar solucións a toda unha serie de problemas que xorden baixo eses procesos.

A forza do ready-made evidénciase tamén nese espazo tan complexo do CGAC como é o Dobre Espazo, un cubo cunha grande altura, e no que Suso Fandiño sitúa unha recreación dos mastros da fachada do Pavillón da República Española na Exposición Universal de París de 1937 na que Picasso amosou o seu Guernica e que serve para reflectir o uso político da arte dentro dunha exposición rica en achádegos e suxerencias sobre cómo arte e historia poden, xuntas, amosar toda unha serie de incertezas que son as que mellor explican un mundo cheo de desequilibrios e teimas que nos definen como seres humanos.

Comentarios