Opinión

No pasamento de Ana Goy

A morte da profesora Ana Goy, non só nos deixa sen a súa valía no eido da investigación cultural e a ensinanza, senón que nos fai lembrar a importancia dos mestres na nosa formación aos que fomos alumnos seus, así como o ser quen de propoñer un camiño de futuro
Ana Goy. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ana Goy. VICTORIA RODRÍGUEZ

No pasado mes de maio a profesora Ana Goy Diz converteuse en académica mumeraria da Real Academia Galega de Belas Artes. A 13ª muller desa institución fronte aos 37 homes que a conforman. Aquela noticia para os que fomos alumnos desta catedrática de Historia da Arte supoñía unha inmensa felicidade, polo recoñecemento á que foi unha mestra inesquecible, e mesmo en moitos momentos, para os que formamos parte da primeira promoción de Historia da Arte do Plan Novo de Estudos na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela, un apoio máis alá das propias aulas, deixando unha lembranza imborrable.

Coñecer estes días o seu sorprendente pasamento deixa unha profunda mágoa para quen non pode entender como unha persoa tan nova, con tanto por achegar á nosa sociedade, desaparece dun xeito tan cruel dun territorio ao que tanto esforzo e paixón lle transmitiu dende o seu ámbito de coñecemento intelectual, unha valía á que lle engadía unha forza persoal capaz de motivar á xente que a rodeaba. Isto facíao nos últimos anos tamén dende o vicedecanato da Facultade de Humanidades en Lugo, como directora do Centro de Estudos de Historia e, por suposto, nesa facultade compostelá na que moitos tivemos a inmensa sorte de coñecela e de que nos dese clase.

Foi nos anos 90 e ela aínda era unha profesora que arrincaba o seu labor académico integrándose no claustro daquela facultade xunto a profesores novos como Juan Monterroso, Jesús Sánchez, Bernardo Castelo, Miguel Taín ou Rocío Sánchez, entre outros, que se mesturaban cos veteranos Andrés Rosende, Ángel Luis Hueso, José Manuel López Vázquez, José María Folgar de la Calle ou Alfredo Vigo Trasancos, compoñendo un extraordinario conxunto de mestres e mestras, coa cantidade precisa de experiencia e xuventude da que penso nos soubemos aproveitar varias xeracións de estudantes que tentabamos facer da Historia da Arte un xeito de gañala vida dende unha carreira na que, para desenvolvela, ten que existir moito de paixón, por aquilo que sempre nos dixeron e aínda nos din da falta de saídas, cando o realmente importante son as gañas e as ilusións coas que poidas enfrontarte ao futuro.

Ela nos fixo chantar os pés e a nosa mirada en moitas outras realidades máis alá dos apuntamentos das clases

A profesora Ana Goy fixo moito para que esa paixón non decaese, xa non só dende o aspecto puramente académico, senón que dende o factor humano –fundamental na vida e aínda máis no ensino–, a súa implicación cos alumnos, propoñendo e mesmo activando diferentes iniciativas fóra das aulas como viaxes a diferentes centros artísticos ou diferentes cidades, falaban de quen entendía a educación como moito máis que a mera adquisición de coñecementos teóricos. Ela nos fixo chantar os pés e a nosa mirada en moitas outras realidades máis alá dos apuntamentos das clases, deixando para sempre na nosa memoria momentos de convivencia nos que soubemos das súas bondades e dunha capacidade para empatizar cos alumnos que, polo visto, se mantivo no tempo, xa que nas declaracións feitas co gallo da súa morte polo decano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández, se algo destaca dela é que «os alumnos a adoraban», así como o seu entusiasmo.

Como alumno que fun dela trinta anos atrás emociona pensar cómo aquela profesora nova non perdeu ao longo da súa traxectoria as virtudes que como ensinante amosaba no comezo da súa carreira. Abofé que a Ana Goy a lembrarán polas súas achegas investigadoras, polos moitos informes que fixo sobre o noso patrimonio, en especial na cidade de Lugo e na Coruña, pola súa pertenza ao Icomos, un órgano asesor da Unesco en España, ou polo seu importante papel no recente expediente para declarar a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola Unesco; pero máis alá diso moitos lembraremos o seu sorriso diante dunha filmina con algún cadro de Velázquez ou de Ribera, un claroscuro que o era menos coa súa presenza; ou a súa complicidade camiñando por San Pedro de Rocas ou polo patio do Mosteiro do Escorial. Instantes que xa levaremos sempre con nós os que coincidimos cunha excelente profesora que non esquecimos nunca como a moitos daquel claustro, aínda que os camiños da vida, e mesmo os da arte, nos levaran por vieiros diferentes.

Comentarios