Que tivemos de inventarnos
CADA un firme paso na súa traxectoria poética Elisabeth Oliveira con este poemario, As ninguén, baixo a edición de Belagua. Tanto na súa escrita como no seu contido estas palabras posúen unha enorme contundencia que enche de razón e motivos o que supón unha proposta comprometida con sentirse muller na nosa sociedade e a maneira en que o tempo serve para construír unha identidade determinada.
Todos temos presente a necesaria nova posición que a muller acadou na sociedade nos últimos anos, mais loitando aínda por eliminar non poucas barreiras e complicacións que cada día, en numerosos ámbitos, dende o familiar ao laboral, xorden no contexto feminino fronte á pervivencia de masculinidades tan perversas coma tóxicas para o normal desenvolvemento da sociedade, na que tantas veces se seguen atopando estigmatizacións de actitudes relacionadas, nin máis nin menos, que coa metade da poboación.
Elisabeth Oliveira sitúa os seus poemas a carón desas mulleres que loitan e sofren por acadar esa condición de igualdade que xa tiña que nacer de seu nesta sociedade, sen esforzos extras para persoas que tiñan que atender de xeito normal os seus faceres, e para iso divide o libro en tres partes. Violencia, Falan de nós e Memoria, nos que en cada unha delas emerxen vizosos textos arredor de cada un deses espazos; os que xorden das diferentes violencias que sofren as mulleres, tamén con diferentes percepcións, evidentemente cheas de desprezo e desconfianza,e que forman parte da nosa sociedade e, finalmente, a maneira en que é preciso facer memoria para entender de onde vimos, do que pasaron moitas desas mulleres cando esas sensibilidades do noso tempo eran aínda moito máis cativas.
Nese ámbito da Violencia de xénero que poucos días nos dá respiro, sobresaltándonos con novas de crimes e agresións provocadas —que ninguén se engane— dende a ignominia e a barbarie deses homes cunha absoluta sensación de propiedade, de dominio total sobre a muller e enganadamente xustificado pola condición natural masculina, Elisabeth Oliveira desprega moitas desas violencias a través de poemas nos que atopamos a mulleres que, pese a violencia, aínda senten amor polos seus homes, fracasos de parellas, dores e silencios da Xustiza. Feridas que hai que sandar mentres arredor todo se converte en olladas de culpa, mais tamén en preguntas moitas delas xustificatorias desas violencias.
'Falan de nós' atopa palabras para describir situacións que desculpan graves actos do xénero masculino, agresións que se amparan baixo formas de vestir, comportamentos libres das mulleres en canto os seus comportamentos que determinados homes entenden como un pasaporte para liberar os seus desexos sen agardar a autorización da muller, e como moitas desas situacións forman parte da nosa propia educación social, comportamentos normativizados en produtos audiovisuais, en frases cotiás que se empregan como grazas pero que agochan actitudes discriminatorias e sarcásticas que pouco a pouco veñen a incidir nesa superioridade dun xénero sobre o outro.
Un desprezo que vén de atrás no tempo, daquelas mulleres que con moitos coñecementos e saberes calificábanse como bruxas e que tiñan o seu fin entre lapas, ou como en moitos ámbitos familiares as mulleres recibían unha educación dirixida a atopar a súa comodidade no futuro a carón dun «bo home» deixando os sentimentos afastados de calquera tipo desas unións.
Finalmente a Memoria vén reivindicar a memoria desas mulleres que sofriron o que estaba perfectamente instituído no social, son as pedras da memoria, das que fala Elisabeth Oliveira no percurso dunha muller que pasa por diferentes momentos dende esa condición, o de filla, de nai, de mulleres capaces de crear elos con outras mulleres como unha rede de resistencia ante posibles situacións negativas, ante esas bágoas caladas que, afortunadamente, cada vez máis converte as ningúen en mulleres bravas, firmes na súas posibilidades. "Nós! Que tivemos de inventarnos".