viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

Saldando contas co medo

A timidez das copas chega da man de Ruth Oliveira para facernos ollar ao fin das árbores, alí onde as súas pólas se abren para deixar pasar a luz e permitir o crecemento da natureza, abofé que un bo sitio para coñecernos no levedar da vida
árbol

É O PRIMEIRO libro de poemas de Ruth Oliveira co que pon nas nosas mans un conxunto de textos que falan da natureza sendo eles mesmos natureza. Palabras que medran baixo as árbores, nun proceso simbiótico, para ser vida, para amosar o feito da maternidade baixo esa luz que deixan pasar as copas das árbores para que a fotosíntese permita que a vida se abra paso no bosque.

A timidez das copas, editada por Laiovento, amosa o deslumbramento dunha primeira obra, dunha estrea chea de paixón e emoción que neste poemario transmítese ao lector coa palabra como xeito de sandar a dor, de saldar contas co medo, máis tamén de plantexar esa luz de esperanza que sempre xorde dunha nova vida. A orixe, o baleiro, o nomear, son as palabras que forman, no primeiro poema do libro, unha especie de triángulo que inscribe todo o demais. Esa orixe na que medramos, ese baleiro que ocupamos e o feito de nomear como xeito de darlle visibilidade a aquilo que existe e explicalo ante nós, conforman esa trindade deste poemario que dende as raíces da terra sobe ata o ceo. "Vou á procura da vida no lugar máis vivo", escribe Ruth Oliveira, e así é como dende o carreiro das palabras a poeta adéntrase no bosque, poñendo os pés nun leito de fentos, abríndolle a porta a un proceso de simbiose coa súa propia maternidade, co feito de albiscar unha nova vida, na procura dunha terra fértil.

Máis tamén é o tempo do medo, da ferida, das sombras que adoitan arrodear as noites de inverno. É o tempo das incertezas, de buscar dende o verso unha explicación a ese novo escenario que se pon ante nós. "Creces dentro de min e o verso despréndese das veas". Ese ulir a vida precisa de ser traspasado ao papel, a experiencia convértese en palabras que converten o texto en azougue para medir a temperatura. Os graos soben ao tempo que a poeta ergue a mirada cara a copa das árbores. A simbiose continua, o corpo da muller xa é un elemento máis do bosque e alí, coa mirada fixa nesas pólas que abanean abríndose cara o infindo, apunta: "Na timidez das copas/o bosque respira/ a través do poema".

É o tempo do amor, da crianza, de acoller á recén chegada. O coidado xa eterno, o corpo mudado, unha pel contra outra pel, de novo a integración de formas e corpos, de latexos que se volven un só, como cando un pon a man sobre a cortiza da árbore e atopa o latexo desa natureza sempre nai. Unha paréntese na realidade xa esquecida que non precisa tanto de nós como quen está aquí de novo. O bosque nos acolle e protexe, o aloumiño das follas é un axóuxere para o sosego preciso para afrontar esa nova situación, para fornecer o vínculo do sangue, a sinatura da semente. Xuntas da man toca explorar os vieiros do descoñecido, seguir a luz entre as pólas na procura do amor, unha carballeira sentimental na que atopar a liberdade precisa para darlle pulo á nova vida, ao futuro por vir.

Ruth Oliveira convócanos deste xeito a converter a palabra nese percorrido preciso para entender o seu proceso íntimo. Un xeito de afastar os demos e os medos que tamén nos permiten valorar, nos momentos calmos, o que hai de bo cando esvaece a escuridade. De aí que o poemario se nos presente tras unha frase de Chantal Maillard ben ilustradora do que está por vir: "Escribir. Como quien deja la luz encendida/ y duerme de pie sobre sí mismo/ para saldar las cuentas con el miedo". A autora de A timidez das copas busca o seu refuxio, o lugar onde saldar esas contas á carón das árbores, nun espazo virxe, de autenticidade, no que, afastada da presenza humana, converter o seu devir vital nunha parte máis dese ecosistema convertido na crisálida precisa para avanzar nun proceso propio de coñecemento ao tempo que para entender "que para sobrevivir á treboada/a clave é aferrarse ás pólas/máis febles".

Saldando contas co medo
Comentarios