Opinión

A viaxe pictórica de Edmundo Paz

A sala Rivas Briones de Vilagarcía de Arousa acolle a simbiose pictórica de Edmundo Paz. Unha proposta que establece unha viaxe sensorial de cores e liñas que arrinca no estudio do pintor e chega a nós dende unha obra na que mesmo o soporte se implica no seu discurso creativo.

O pouco tempo de percorrer a mostra Simbiose de Edmundo Paz xa se ten a sensación de formar parte deses territorios pictóricos que, en moitos casos, mesmo semellan xeografías polas que cruzar. Superficies de experimentación nas que o pintor envorca a súa paixón por xerar todo ese universo que medra dun longo proceso de experimentación.

No seu estudio de Arcade arrinca esa viaxe dos sentidos, unha xeografía sensorial que leva a facer da superficie de traballo tamén obxecto de reflexión. Afástase o autor moitas veces desas superficies tradicionais buscando o desafío en bolsas de papel ou en uralitas que serven de soporte para a súa pintura. E certamente sorprenden polos resultados, por como esa eficacia visual dunha bolsa de papel convertida en pintura acada novas sensacións que aínda son máis espectaculares nesas superficies onduladas que moven a pintura que sobre ela se propón, obrigándonos tamén a nós a movérnos fronte a ela, a procurar novos puntos para a súa visión e que converten en absolutamente fascinantes estas obras.

Edmundo Paz traballa dende a abstracción o que leva a que a súa pintura se converta nunha incitación sinestésica que nos leva a mergullarnos nesas formas e cores como parte dunha experiencia que cada un afrontará dende elementos como os do tempo ou a memoria que tamén se rastrexan nunhas propostas nas que se recoñece esa sedimentación de ambas compoñentes. Atopámonos pinturas nas que,  como nun proceso natural, desvéanse diferentes capas que nos levan a entender que nelas o tempo tece unha estrutura que abre e pecha a súa visión. Superficies á intemperie que nos suxiren o que podemos atopar no seu interior. Esas pezas, na súa configuración, levan tamén a ser vistas como amplas xeografías, como eses mapamundis de terras e mares nos que se recolle o noso mundo continental. É aí onde esa sensación que temos ao longo de toda a mostra de que se nos convida a unha viaxe acada toda a súa plenitude.

Pero se un elemento se pode suliñar nesta mostra de Edmundo Paz fronte a momentos anteriores é o da reivindicación do trazo como berce fundacional de todo feito plástico. Reconcíliase o pintor coa liña, co bosquexo, como xénese da experiencia artística, ata mesmo sobre esas superficies volumétricas das súas uralitas semella querer lembrar as experiencias nas covas prehistóricas que intuían todas as posibilidades de expresión da pintura dende a liña, a cor, o volume ou o movemento e, ao fondo, a beleza. Edmundo Paz tamén reclama a beleza nas súas obras, dende esa azarosa conxunción de liñas e cores. Esta é outra das súas bazas á hora de crear, o azar, aquilo polo que non agardamos pero que xorde de xeito libre na obra de arte, concedéndolle unha gran frescura ao resultado final que adoita ser inesperado.

Tamén esa viaxe é unha viaxe solidaria, non só polo feito de compartir unha experiencia artística, senón porque ao traballar o artista con esas bolsas de papel ou esas uralitas se nos leva a únha reflexión sobre o aproveitamento de certos materiais da nosa sociedade que moitas veces tras o seu uso orixinal son xa botados ao lixo, pero aos que a arte pode concederlles unha nova vida, unha recuperación que dende o medioambiental ten moito que dicir hoxe en día e que, tras observar os resultados acadados, amosan unha gran eficacia.

Esa conquista de novos soportes para o seu traballo é a mellor proba de que un artista non pode limitarse ao de sempre, a volver unha e outra vez sobre un facer que se repita, que non lle pida ao creador ese desafío constante que é o que lle leva a evolucionar e a atopar novas solucións. Ao mesmo tempo define o importante que é para ese artista o proceso, o tempo de loita, porque, realmente, falamos dunha loita entre ese bater interno e cómo iso se pode plasmar nunha superficie que remata sendo unha viaxe interior, abofé as máis necesarias, non só para o artista, senón para o propio espectador que é quen de recoñecer nese esforzo todo un itinerario que desexa compartir co seu autor tamén como unha viaxe propia.

Comentarios