El tiempo
martes. 05.07.2022
El tiempo

Irmandade Xurídica Galega

O próximo día 1 de xuño a Irmandade Xurídica Galega celebrará a XII Asemblea anual na cidade de Pontevedra. A constituínte tivo como escenario a vila de Celanova. Despois foron escollidas sucesivamente outras cidades e vilas para homenaxear a egrexios xuristas comprometidos coa causa da galeguidade. 

A tradición xurídica galega, que está ben representada en avogados de sólida formación humanística, é descoñecida por inxentes promocións de profesionais do dereito formados nas aulas da facultade de Dereito compostelá, e despois, coa segregación das universidades, nas súas homónimas de Vigo, Ourense e A Coruña. 

No século XVIII foi figura sobranceira Bernardo Herbella de Puga, autor do Dereito práctico da Real Audiencia da Coruña, que pretendía poñer en coñecemento dos avogados e xente do foro, "os estilos tan enraizados en prácticas, usos e costumes seculares, que é preciso coñecer para acomodar as súas actuacións ás características peculiares e físicas de Galicia". Outra figura, pero xa no século XIX, foi José Pérez Porto, considerado como o que mellor estudou o dereito galego, como recolle o autor da Historia do Dereito de Galicia, o profesor Rodríguez Ennes, que debería ser de obrigada lectura para os futuros xuristas. 

Esa tradición había ter o seu momento de esplendor, tempo despois, cos xuristas das Irmandades da Fala. 

A todos eles dedicoulles a Irmandade Xurídica Galega un volume que foi presentado na asemblea anual celebrada en Monforte de Lemos co gallo do centenario da fundación das Irmandades e homenaxe a don Manuel Banet Fontenla, que tivo notaría naquela vila. Do seu compromiso coa lingua galega quedou moita obra escrita na que denunciou "a incomprensible pragmática dos Reis Católicos que obrigaron a dar todos os instrumentos públicos na fala de Castela". Coetáneo foi Salvador Cabeza de León, profesor da facultade de Dereito e primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos. 

Decisivo foi tamén Porteiro Garea, profesor no mesmo centro; e o seu auxiliar na cátedra, Peña Novo. 

A nómina complétase con Roberto González Pastoriza, os maxistrados Sebastián Martínez-Risco, Fermín Bouza Brey e Ramón Carballal Pernas. 

Un núcleo importante de forxadores da galeguización xurídica dos que queda constancia na numerosa bibliografía publicada e monumentos colocados en rúas e prazas que perpetúan a súa memoria, promovidos pola Irmandade Xurídica Galega. 

Este ano homenaxearase a Xosé Fariña Jamardo, outro xurista que foi secretario xeral da Deputación de Pontevedra e Oficial Maior do Parlamento de Galicia, autor dunha prolífica obra literaria e de investigación en lingua galega. 

Este labor ininterrompido da Irmandade Xurídica Galega conseguiu aglutinar trescentos operadores xurídicos e funcionarios xudiciais nunha auténtica lexión de galeguizadores, que será ampliada con máis de vinte novas incorporacións.

Irmandade Xurídica Galega
Comentarios