Chipre presenta as súas credenciais

Eleni Foureira e o seu 'Fuego' pasan por riba da israelí Netta, que partía como favorita. A primeira semifinal de Eurovisión 2018 deulles tamén billete para a gala do sábado a Chequia, Lituania, Estonia, Bulgaria, Austria, Finlandia e Irlanda

Eleni Foureira, durante a súa actuación na primeira semifinal de Eurovisión. TWITTER
photo_camera Eleni Foureira, durante a súa actuación na primeira semifinal de Eurovisión. TWITTER

Eleni Foureira podería ser galegoportuguesa polo seu apelido, pero é unha cantante grega que este ano representa a Chipre en Eurovisión cun tema de produción sueca que se titula Fuego –así, en castelán– e que foi a derradeira en soar este martes sobre o escenario do Altice Arena de Lisboa. O poder de Foureira desinflou a burbulla creada ao redor de Netta desde que o seu Toy fora escollido para representar a Israel no festival que por primeira vez se celebra en Portugal. 

A primeira semifinal de Eurovisión 2018, que viña precedida pola vitola de ser a máis disputada en anos, supuxo este martes, asemade, un exame pasado con boa nota pola radiotelevisión pública portuguesa, a RTP, toda vez que para unha parte dos eurofáns o que non sexa realización sueca será sospeitoso de non estar á altura. Catro mulleres sobre o escenario, Catarina Furtado, Daniela Ruah, Sílvia Alberto e Filomena Cautela, a quen os entendidos comparan con Petra Mede (palabras maiores eurovisivas), para un espectáculo que abriu con ventilador Acerbaixán e que pechou con sintetizadores, golpes de melena e unha ovación case pechada da sala de prensa Chipre, a nova gran favorita.

No entanto e malia o efecto Salvador Sobral que si se deixou notar na profusión de baladas, só unhas poucas cancións nunha lingua diferente do inglés: as de Grecia, Armenia, Albania e Estonia, cuxa cantante –lírica– Elina Nechayeva, defendeu La forza en italiano. Das que acadaron a pasaxe para a final do sábado, esta cronista destaca o tema da finesa Saara Aalto, as postas en escena debedoras da ditadura sueca dos últimos lustros en Eurovisión achegadas polos búlgaros Equinox ou polo austríaco César Sampson, a magnífica produción da proposta irlandesa, que mellora unha composición bastante esquecible, e a efectividade dunha candidatura modesta como a de Albania. 

Para o sábado 12, quedan unhas preguntas e un eurodrama: que leva Mikolas, o xa recuperado cantante de Chequia, na mochila? Por que escolleron para o mozo austríaco un outfit de cinta americana? Non é máis prescindible a canción de Lituania que as de Armenia ou Grecia, que quedaron fóra? Que faremos un ano máis sen Islandia na gala final? 

O xoves, a segunda semifinal.

Comentarios