Dinahosting, dun piso de Compostela a 130.000 clientes en todo o mundo

"Arestora temos ao redor de 130.000 clientes e unha facturación próxima aos 13 millóns de euros", explica Lucía González, responsable de Comunicación e Marketing

Lucía González
photo_camera Lucía González

Dinahosting foi unha das empresas pioneiras do sector en Galicia. Non naceu nun garaxe, como Apple ou Google, pero si nun piso de Compostela da man de dous rapaces que acababan de saír de FP. Lucía Gónzalez, responsable do departamento de Comunicación e Marketing, repasa a historia dun proxecto que xa ten máis de 100 traballadores e ten 130.000 clientes.

Dinahosting aparece en 2001. Como nace nese contexto, cando todo o relacionado con internet en Galicia aínda estaba en cueiros?
Dinahosting nace froito da evolución dun pequeno negocio e grazas ao empeño de dous mozos recén saídos dun ciclo de informática. Instaláronse nun piso situado en Compostela desde o que traballaban montando páxinas web. Aproveitando que a empresa de Estados Unidos na que compraban os hostings sacou ao mercado un bono interesante, fixéronse con el e empezaron a vender hosting por si sós.

O equipo de dinaweb, como nos chamabamos ao principio, formábano naqueles tempos non máis de 10 persoas, xuntando programación e atención ao cliente. Actualmente, dezaoito anos máis tarde, dinahosting formámola máis de 100 traballadores.

Cambiaron moitas cousas dende aquela. Por poñer un exemplo ao principio ofreciamos uns 5 ou 6 tipos de dominio e hoxe por hoxe temos máis dun centenar, tiñamos un par de plans de aloxamento web e hoxe dispoñemos dunha solución para cada necesidade. E os 55.000 clientes de 2010, son hoxe máis de 130.000. Somos líderes do sector, e mantémonos independentes de grupos de inversión nacionais ou estranxeiros.

Que características tivo este proxecto para que funcionase tan ben?
O principal foi traballar sempre con paixón, e esta fórmula aplícase a todo tipo de proxectos, sexan grandes ou pequenos.

Falamos cos nosos clientes da mesma forma que nos gustaría que o fixeran con nós: sen tecnicismos e ofrecendo solucións as 24 horas, os 365 días do ano. Ademais, rexeitamos expresamente os sistemas automatizados de resposta, xa que cando a túa web ten un problema necesitas unha voz humana ao outro lado do teléfono.

Outro sinal de identidade da dinahosting é a independencia tecnolóxica baseada nos desenvolvementos propios usando o software libre. Por exemplo, o Panel de Control que usan os nosos clientes está deseñado e optimizado por nós, ao igual que o servizo de correo electrónico. 

Por último, o compromiso da dinahosting coa calidade está respaldado polos organismos máis importantes a nivel internacional. Netcraft, auditora de seguridade a nivel mundial, recoñécenos como unha das 10 empresas de hosting a nivel mundial máis fiables.

Tamén temos acreditación de ICANN, o que implica unha homologación de calidade e de recursos. Por outra banda, dispoñemos dun Centro de Datos e unha infraestrutura de rede de alto rendemento e hardware de máxima calidade que testeamos previamente.

En cifras, clientela, facturación, como evolucionou a empresa nestes 18 anos? A cantos países chega?
Tras os primeiros anos de vida, dinahosting é agora sitúase entre unha fase de consolidación e diversificación dos seus produtos. Ademais de ofrecer aloxamento web e dominios, dispoñemos de solucións para proxectos de alto rendemento, como a Cloud, pasando por VPS e Dedicados.

Estamos especializados ademais noutros servizos moi necesarios para o teu aloxamento, como textos legais para a túa web, certificados de seguridade, ou servizo de desinfeccións e limpeza para o hosting.

España é o noso principal mercado, pero estamos noutros 130 mercados internacionais, como México, Arxentina, Colombia, Chile, Portugal, Estados Unidos, Brasil, Ecuador, Francia, Reino Unido, e un longo, etcétera.

Arestora temos ao redor de 130.000 clientes e unha facturación próxima aos 13 millóns de euros.

Instalacións de Dinahosting en Santiago. EP
Instalacións de Dinahosting en Santiago

Cales foron os principales cambios no sector neste tempo?
Estamos nun sector tremendamente competitivo no que foron entrando cada vez máis empresas. Aínda que o crecemento non está a resultar tan exponencial como hai anos, o sector do hosting continuará medrando por dous motivos importantes: porque Internet forma parte da vida cotiá dos cidadadáns, e porque é unha ferramenta de produtividade moi útil tanto para pemes, empresas e a Administración. Unha empresa non pode estar sen web nin correo electrónico.

As empresas estanse dando conta de que o trato ao cliente, o nivel de servizo percibido por este e sobre todo, o valor engadido en cada produto vendido xunto coas solucións escalables inflúen máis que o prezo á hora de comprar.

Cales son retos máis inminentes?
O reto das empresas pasa por conquistar a un cliente cada vez máis esixente, ofrecendo produtos e servizos potentes pero intuitivos no uso. Outros aspectos que hai que coidar son os relativos á seguridade e xestión de almacenamento de datos.

As aplicacións xestionadas (SAAS), a virtualización e as solucións de Cloud Computing son tres dos servizos con maior proxección nos próximos anos.

Comentarios