Fundación Goteo, unha plataforma para impulsar iniciativas ligadas á economía social

A iniciativa, que ofrece liñas de financiamento como o crowdfunding ou o matchfunding, deuse a coñecer no Economía Social Meeting celebrado este xoves en Compostela
Presentación da Fundación Goteo. EP
Presentación da Fundación Goteo. EP

Este xoves celebrouse en Santiago de Compostela un novo Economía Social Meeting, un encontro de intercooperación entre empresas e entidades da economía social. A xornada, organizada pola Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL) e celebrada no edificio municipal CERSIA Empresa, acolleu a presentación da Fundación Goteo en Galicia.

Mauricio O’Brien, o seu codirector, explicou ante case unha vintena de asistentes do ámbito da economía social, o funcionamento e as diferentes liñas de financiamento que ofrece a plataforma, tales como o crowdfunding ou o matchfunding.

"Trátase dunha fonte de financiamento moi interesante tanto para proxectos nacentes como para aquelas empresas xa consolidadas que queren sacar unha nova liña de negocio", expuxo a xerente de AESGAL, Berta Lema, que subliñou a importante difusión que se consegue a través deste “escaparate”.

Baixo o paraugas da “innovación social”, o “poder da comunidade” e a premisa de que “non queremos competir, queremos cooperar”, Goteo presentouse como unha alternativa para sacar adiante iniciativas ligadas á economía social.

Cunha duración de tres horas, a actividade serviu como espazo de encontro no que compartir experiencias, inquedanzas e tecer rede.

Este evento enmárcase na programación da Rede Eusumo, desenvolvida de xeito colaborativo entre as entidades que constitúen o Foro pola Economía Social Galega (AGACA, CEGASAL, AEIGA, ESPAZOCOOP e a propia AESGAL).

Comentarios