Simón admite que o virus puido ter circulado por España antes de febreiro

De todos os xeitos, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias asegura que se iso ocorreu "desde logo non xerou un brote identificable"
Fernando Simón. EFE
photo_camera Fernando Simón, este mércores en rolda de prensa. EFE

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias, Fernando Simón, recoñeceu este mércores a posibilidade de que o coronavirus estivese a circular por España antes de febreiro, pero se iso ocorreu "desde logo non xerou un brote identificable".

En rolda de prensa, o epidemiólogo explicou que, atendendo á evolución dos datos da enfermidade "máis parecida" á Covid-19, a gripe estacional, "dámonos conta de que en España non se detecta nada raro na curva epidémica ata finais de febreiro".

Fíxoo ao ser preguntado polo informe no que médicos franceses apuntan a que o coronavirus xa estaba presente a finais de decembro, logo de diagnosticar a posteriori a un paciente que ingresou nun hospital da rexión de París o 27 de decembro, o que levou á OMS a recomendar aos países que analicen pneumonías sospeitosas desde novembro de 2019.

Simón recordou que o primeiro caso confirmado no noso país data do 31 de xaneiro; por mor dos positivos iniciais, empezáronse a facer estudos nas mostras dos centros sentinelas nalgúns puntos do país con brotes "nos que custou detectar as posibles orixes".

Pero ningún deles detectou algún positivo en coronavirus, aínda que "sabemos que houbo algún caso que chegou antes de que fose notificado", como foi un caso de Valencia que iniciou síntomas o 2 de febreiro tras estar no Tíbet e que probablemente se infectou a mediados de xaneiro".

Así mesmo, o primeiro caso de transmisión local detectado en Andalucía estivo asociado a posibles casos importados "unhas semanas antes a finais de xaneiro ou primeiros de febreiro".

"Polo tanto, si que puido circular en España dalgún xeito" e "é posible que chegase algún caso de infectado antes. Pero, desde logo, non xerou un brote identificable", resolveu.

Simón recordou que China notificou o primeiro caso o 31 de decembro, pero xa "sabemos que circulaba" por aquel país "como mínimo desde a primeira ou finais da primeira semana de decembro", polo que "probablemente" persoas que podían estar infectadas nesas datas puideron "vir a Europa ou a calquera outro lugar, e iso probablemente sucedeu".

Pero se iso foi así, tivo que ser "un número relativamente pequeno, porque se non as nosas epidemias empezarían antes".

O coronavirus empezou a ter un nivel de transmisión "suficiente" en España "a mediados de febreiro" -os estudos falan da segunda quincena-, pero "si que é certo que puido haber uns casos antes que pasasen desapercibidos", insistiu. 

Comentarios