O BNG lanza en Pontevedra os seus candidatos ás cidades, con Lores como "referente"

O "modelo urbano" da Boa Vila, un exemplo para o resto de aspirantes ás alcaldías nas municipais de 2019

Los candidatos del BNG y Pontón, en Pontevedra. JAVIER CERVERA
photo_camera Los candidatos del BNG y Pontón, en Pontevedra. JAVIER CERVERA

O BNG presentou este martes aos que serán os seus candidatos nas cidades galegas nas próximas eleccións municipais de maio de 2019 nun acto en Pontevedra, urbe á que erixiu en referente do "seu modelo urbano" para mellorar a vida nas grandes cidades.

En concreto, competirán pola Coruña Francisco Jorquera; por Lugo, Rubén Arroxo; por Ourense, Luís Seara; por Santiago, Gorretti Sanmartín; por Vigo, Xabier Pérez Igrexas; por Ferrol, Iván Rivas; e, aspirará á reelección pola cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores. 

No encontro deste martes, os nacionalistas abordaron o "novo modelo urbano de calidade" que propón o BNG e que ten en Pontevedra "o seu exemplo de éxito" co goberno de Fernández Lores desde hai case 20 anos. 

Na súa intervención, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que para a súa formación estas eleccións son unha cita "importante" e "seria" que debe servir para "fortalecer" a presenza do nacionalismo nas grandes cidades galegas. 

"Temos as mellores persoas para poder presentarlle á sociedade galega un proxecto claro", afirmou Pontón, que asegurou "confiar nas posibilidades que hai neste país" coa convicción de que cando se pon "en marcha políticas propias os resultados son extraordinarios".

Así mesmo, avogou por presentar un proxecto "claro" "e serio" que defenderán "con toda ilusión e con moito traballo" grazas a unha organización "cohesionada e unida" e que está centrada no "importante", en "perfilar" as propostas para cada municipio. 

"Imos por todas", sinalou a dirixente nacionalista sobre os comicios municipais, para os que considera que o BNG supón "a mellor alternativa" para as persoas que "queren transformar en positivo" as súas cidades, demostrando que os seus gobernos "deixan pegada" e dinamizan a actividade nos seus concellos. 

Comentarios