martes. 28.09.2021 |
El tiempo
martes. 28.09.2021
El tiempo

Os contaxios diarios volven situarse por riba do milleiro en Galicia

Personas de entre 40 y 49 acuden a vacunarse a la Cidade da Cultura. XOÁN REY
Vacinación na Cidade da Cultura. XOÁN REY
Os ingresados en Uci por covid-19 aumentaron un 60% na última semana

Galicia alcanzou o pico de casos activos por coronavirus da quinta onda o pasado domingo, con 18.964 persoas infectadas, un límite ao que aínda non chegaron as unidades de críticos nos hospitais, que este xoves rexistran 56 enfermos de covid-19 ingresados, un 60% máis que hai unha semana.

Segundo o Servizo Galego de Saúde, ata as 18.00 horas do mércores había nas unidades hospitalarias de críticos 56 enfermos de covid-19, seis máis que o día anterior; mentres que en planta o número descendeu en sete persoas, ata as 250.

Con estes novos ingresos, a porcentaxe de camas ocupadas en Uci por enfermos da pandemia chega en Galicia ao 6,98%, aínda moi lonxe do 20,76% da media do Estado.

A diferenza das xornadas precedentes, o número de recuperados da infección ou a enfermidade non conseguiu neutralizar o aínda elevado número de contaxios, que se sitúan de novo por encima dos mil diarios (1.110, 69 máis), polo que o número de persoas afectadas sobe lixeiramente ata as 18.643 (21 máis).

En canto á mortalidade, hai que sumar dous novos decesos comunicados este mércores, fronte a cinco o día anterior e a dez a xornada precedente.

Tamén descende a incidencia acumulada, tanto a dúas semanas como a sete días; aínda que o fai a un ritmo menor que a media de España, con Galicia por enriba en ambos os casos.

Deste xeito, Galicia rexistra 643,8 casos a 14 días por cada cen mil habitantes por 633,07 no conxunto de España; e 273,89 a sete días por 265,78 de media no Estado, segundo os datos difundidos onte mércores polo Ministerio de Sanidade.

Desde o inicio da epidemia contaxiáronse en Galicia 162.132 persoas, das que se recuperaron 141.036 e faleceron 2.481, dúas delas notificadas nas últimas horas.

A taxa de positividade descende nesta xornada e sitúase no 7,46 % entre o conxunto das 14.860 probas de detección de calquera tipo realizadas nas últimas 24 horas.

Por áreas sanitarias, todas aumentan o número de contaxios detectados respecto ao día anterior, salvo Vigo; aínda que só A Coruña e Ferrol incrementan o número de enfermos.

Os contaxios diarios volven situarse por riba do milleiro en Galicia
Comentarios