Desaloxan un edificio en Mondariz a causa dun incendio nun garaxe

Segundo informaron os Bombeiros de Baixo Miño o lume posiblemente comezou nun turismo
Rúa Ramón Peinador, en Mondariz. GSV
Rúa Ramón Peinador, en Mondariz. GSV

Un incendio nun garaxe da Rúa Ramón Peinador, no termo municipal de Mondariz, foi a causa pola que seis portais dun mesmo edificio de tres andares foron desaloxados por precaución. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais e, unha vez extinguido o lume, os veciños puideron volver ás súas vivendas, que tampouco resultaron afectadas.

Segundo informaron os Bombeiros de Baixo Miño nada mais dar por rematadas as tarefas de extinción, o incendio, posiblemente, comezou nun turismo que resulto calcinado. Ademais, dous vehículos máis víronse afectados xunto coa instalación eléctrica e de auga da propia edificación.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso moi preto das 02:00 horas desta madrugada. Foi a esa hora, cando varios moradores das vivendas chamaron ao 112 Galicia para solicitar a saída dos Bombeiros alertados pola presencia de fume nas escaleiras dos portais cos que se comunicaba o garaxe.

Axiña, os xestores de emerxencias pasaron aviso aos Bombeiros de Baixo Miño, que decontado se desprazaron ao punto e aos membros do GES-SPEIS de Ponteareas. Ademais, puxeron en alerta aos axentes da Garda Civil aos voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose precisa a súa intervención.

Cerca das 06.45 horas, os Bombeiros daban por extinguido o incendio polo que os veciños regresaron as súas vivendas.