Detido un veciño de Mos ao que interviñeron 117 quilos de marihuana

Xestionaba unha plantación oculta nun invernadoiro nunha leira rural
Una planta de marihuana. EFE
photo_camera Una planta de marihuana. EFE

Axentes da Policía Nacional detiveron a un veciño de Mos, de 43 anos de idade, como presunto autor dun delito contra a saúde pública e ao que lle interviñeron 117 quilos de marihuana

Segundo informaron fontes policiais, a investigación iniciouse a finais do mes de agosto, ao ter coñecemento da posible existencia dunha plantación de marihuana nunha leira dunha zona rural do municipio de Mos. 

Esta leira está pechada por un muro de grandes dimensións e, no seu interior, hai unha vivenda, dous galpóns e un invernadoiro. Do recinto emanaba un "forte cheiro a marihuana", o que levantou as sospeitas da Policía. 

Os investigadores descubriron que, no interior do invernadoiro, había unha gran cantidade de plantas de marihuana, algunhas de máis de tres metros de altura. Esta plantación era xestionada por un home, que pasaba "longas horas" no interior da instalación, e encargábase do coidado das plantas, da súa recolección e da preparación da marihuana para a venda. 

Así mesmo, o sospeitoso adoptaba diversas medidas de seguridade e precaución cando entraba e saía da parcela, para eludir a posible acción policial.

DETENCIÓN

A Policía despregou un dispositivo de vixilancia nos arredores da leira, e detectaron ao sospeitoso cando saía do seu domicilio, momento no que os axentes procederon á súa detención.

Así mesmo, levaron a cabo entradas e rexistros na vivenda, no invernadoiro e nas construcións anexas. Froito desas inspeccións, interviñéronse un gran número de plantas, así como 117 quilos de marihuana, e diversos efectos utilizados para a transformación e venda desta sustancia.

O detido foi trasladado a comisaría, onde se comprobou que xa ten antecedentes policiais. O arrestado e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 do Porriño.