Dimite a directiva dun IES de Redondela pola falta de dotación de persoal de limpeza

Este movemento súmase a outras renuncias por parte de equipos de centros pola xestión da COVID-19 
IES Illa San Simón de Redondela. GOOGLE MAPS
photo_camera IES Illa San Simón de Redondela. GOOGLE MAPS

O equipo directivo do IES Illa de San Simón de Redondela presentou a súa dimisión pola situación xerada ao redor do inicio do curso e a reapertura do centro ao alumnado debido á falta de atención por parte da Xunta ás súas peticións para ampliar o persoal de limpeza para reforzar as tarefas de desinfección e hixienización polo covid-19.

O escrito, que foi presentado este martes ante a xefatura territorial de Pontevedra, defende o traballo de preparación realizado desde xuño para poder iniciar o curso en condicións de seguridade. Para iso, presentaron solicitudes debidamente xustificadas para poder contar un reforzo de persoal de limpeza xunto con medicións realizadas pola unidade técnica. 

O centro conta cun limpador a xornada completa e outra a media xornada e unha superficie de entre 2.900 e 3.000 metros cadrados repartidos en catro edificacións. No escrito acreditan que, cos medios actuais, esta traballadora tería que asumir as tarefas nunhas 3,5 horas, cubrindo todos os cambios de clase, do mesmo xeito que o outro empregado tería que encargarse de 20 aulas, a aula covid, un pavillón de 700 metros cadrados, biblioteca, sala de profesores, 11 aseos, 16 despachos, corredores e vestíbulo. 

O equipo directivo "non está disposto a asumir a responsabilidade" de abrir un centro "que non cumpriría coas condicións de hixiene básicas impostas" pola Xunta, ante a imposibilidade de facelo cos medios humanos dispoñibles na actualidade. 

"Tal situación vai contra a saúde do noso alumnado e persoal e podería ter consecuencias legais no caso dun brote", advirten. Por iso, tendo en conta que a solicitude de persoal non foi atendida e que as tarefas realidades até o momento exceden as propias do seu posto e os seus coñecementos de prevención de riscos, decidiron presentar a súa dimisión.

OUTROS CESAMENTOS. Nas semanas previas, o equipo directivo do IES Plurilingüe Adormideras da Coruña tamén presentara a súa renuncia para denunciar o "menosprezo" cara á comunidade educativa por parte da Xunta e os "continuos cambios no protocolo contra a covid-19". 

Os traballadores do centro difundiron imaxes a través de redes sociais para visibilizar as consecuencias da separación dun metro entre cabezas (permitida por Educación mediante a instalación de mamparas) e protagonizaron protestas ás portas do centro. 

Doutra banda, a directiva do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove tamén presentara a súa dimisión polas condicións do centro, en obras durante o arranque do curso en infantil e primaria e con aulas non preparadas ante a pandemia. 

Comentarios