Un estudo conclúe que as vacas alimentadas con herba dan leite máis san

A composición do perfil de ácidos grasos e de antioxidantes liposolubles mellora cando se aposta polo pastoreo
Vacas galegas pacendo. IRIS ÁLVAREZ
photo_camera Vacas galegas pacendo. IRIS ÁLVAREZ

Un estudo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Xunta, en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), constata que a leite de vacas alimentadas por pastoreo e a base de herba ten unha composición que resulta máis beneficiosa para a saúde humana. 

O traballo realizouse entre os anos 2016 e 2018 e o seu contido recóllese nunha tese doutoral presentada recentemente na Escola Politécnica da Universidade de Santiago de Compostela (USC). 

Varios proxectos financiados pola Xunta e o Instituto Nacional de Investigación Agraria confirmaron que hai dous modelos de produción de leite de vaca en Galicia: un minoritario baseado en pequenas granxas en extensivo, con vacas menos produtivas e máis lonxevas que consomen pastos frescos e ensilados; e outro maioritario máis intensivo, baseado en cultivos forraxeiros e con vacas e alta produción menos lonxevas. 

Os estudos conclúen que en ambos os casos o leite ten unha calidade "extraordinaria", de acordo coa Consellería do Medio Rural, pero a composición varía segundo a alimentación dos animais. Así, nas granxas nas que se fai pastoreo, o leite ten unha maior concentración de ácidos grasos poliinsaturados e antioxidantes liposolubles bioactivos. 

As explotacións que teñen aos animais estabulados, os compostos bioactivos aumentan cando a alimentación combina herba e millo, en lugar de comporse de forma masiva deste cereal. 

Os resultados experimentais comprobaron que mellora a composición do perfil de ácidos grasos e de antioxidantes liposolubles cando se aposta polo pastoreo e, en menor medida, cando se inclúe herba ensilada na dieta das vacas. 

Medio Rural destacou que a da produción de leite de vaca é unha actividade "estratéxica" en Galicia e sinalou que "a crecente demanda" de produtos saudables, respectuosos co medio ambiente e comprometidos co benestar animal "abre a posibilidade de ocupar un nicho de mercado con cada vez máis saída". 

Comentarios