Feridos dous operarios ao colapsar un muro nunha obra de derriba no centro de Vigo

Un dos traballadores sufriu unha fractura nunha perna, pero nin a súa vida nin a do seu compañeiro corren perigo

Dous traballadores resultaron feridos este luns en Vigo, cando realizaban obras de derriba nun inmoble do número 20 da rúa Colón, en pleno centro da cidade, segundo confirmaron fontes policiais e do 061. O accidente laboral tivo lugar sobre as 12.30 horas, cando os operarios estaban a traballar no devandito inmoble e un muro veu abaixo. Fontes policiais sinalaron que un dos traballadores sufriu unha fractura nunha perna, pero nin a súa vida nin a do seu compañeiro corren perigo. 

O 112 Galicia recibiu a alerta do accidente laboral e mobilizou a Policía Local e Policía Nacional. Así mesmo, sinalou que os propios operarios da obra lograron retirar os cascotes e liberar ao traballador que quedara atrapado, segundo apuntou a persona que alertou a emerxencias. 

O 061 confirmou que se trasladou a Povisa en ambulancia asistencial a un home de 64 anos de idade, B.S.S. Do mesmo xeito, foi levado en ambulancia medicalizada, ao mesmo centro, outro home, A.V.C., de 47 anos de idade.