O galego centra o careo Rueda-Pontón: Do "bullying" contra a lingua á "policía do galego"
Na véspera das reunións que o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, vai manter na tarde deste xoves cos grupos políticos co obxectivo de procurar consensos para promover o uso do galego despois de que a última enquisa do Ige sobre a saúde da lingua puxese de manifesto datos como que un terzo dos nenos e adolescentes de cinco a 14 anos o falan "pouco ou nada", o Parlamento autonómico serviu este mércores de escenario para un debate acendido.
Quedou claro que as posicións de partida entre o PPdeG e o BNG difiren, pois mentres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defende "a liberdade" dos galegos para expresarse na lingua que lles "pete" e o fomento do multilingüismo, a líder do primeiro partido da oposición, Ana Pontón, chamou a "derrogar o decreto da vergoña", en alusión ao decreto do plurilingüismo aprobado polo Goberno de Feijóo no 2010, que estableceu medidas como o ensino en castelán de Matemáticas, Física, Química e Tecnoloxía.
A portavoz nacional do BNG, que afirmou que acudirá ao encontró con López Campos "coa mellor das diposicións", instou a Alfonso Rueda a volver ao Plan Xeral de Normalización Lingüística do 2004 que, lembrou, contou co apoio "unánime" de tódolos grupos e cuxos obxectivos "seguen hoxe vixentes".
Pontón advirte que o galego "desángrase polas políticas lingüicidas"
Tirando de hemeroteca, a sarriá botoulle en cara a Rueda que se "colocase detrás da pancarta indigna" da manifestación que Galicia Bilingüe convocou en 2009 en Santiago en contra da aplicación do decreto de 2007, aprobado co bipartito na Xunta, relativo ao uso do galego no ensino, que logo sería derrogado coa chegada do PP a San Caetano. "Esa indignidade perseguirao sempre", avisou Pontón ao mandatario galego, ao que tamén criticou por "votar en contra" do galego no Parlamento.
Nun debate animado, a nacionalista reprochoulles aos populares que os "15 anos de bullying ao galego" que lles atribuiu deriven agora en que a lingua propia "se desangra como consecuencia das políticas lingüicidas".
Apoiándose nos resultados da "demoledora" enquisa do Ige, a parlamentaria constatou que "un de cada tres" rapaces da "xeración integramente educada" seguindo o "decreto da vergoña" fala o galego "pouco ou nada", en tanto que "só o 7%" dos nenos de 5 a 14 anos se expresan "sempre" no idioma propio, "a metade que no 2018".
De seguir esta progresión, Pontón advertiu que "en seis anos" o galego estará "laminado" entre as xeracións máis novas. Dirixíndose a Rueda, prognosticou que entón sumará "ao seu currículo" a "medalla que é roubarlles aos máis novos o seu dereito e liberdade a falar en galego".
Convencida de que os nenos que entran na escola "falando galego saen pola porta falando castelán", Pontón afeoulle ao líder dos populares que sinale como "culpables ás familias, os migrantes, as redes sociais ou o Ige" e desafiouno a tumbar o decreto do plurilingüismo cuxos efectos no ensino, lembrou, foron cuestionados recentemente polo Consello de Europa.
A proposta "de mínimos" do BNG: triplicar os fondos e volver ao Plan Xeral de Normalización
Para tratar de reverter a situación, instou a Rueda a dotar de orzamentos a política lingüística en lugar de "manter o recortazo ao galego" nas contas de 2025. Nesta liña, botoulle en cara que "lexisle contra" o uso da lingua "na TVG e na administración pública".
A un día da reunión co conselleiro, a nacionalista reclamou ao PP que "abandone a política de acoso e derribo do galego", e receitoulle unha proposta "de mínimos" que pasa por triplicar o investimento, "derrogar o decreto do plurilingüismo" e aplicar o Plan Xeral de Normalización.
Rueda: "Non frivolice co bullying, respecte as familias"
No seu turno de réplica, Rueda demandoulle a Pontón "non frivolizar co bulling" por "respecto ás familias" afectadas pola lacra do acoso nas escolas. E citando ao expresidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, definiu a relación do Bloque coa lingua como a de aquelas "nais que queren tanto aos nenos que os afogan".
Crítico cun BNG que, ao seu ver, utiliza a lingua "como unha carga política de demolición", o pontevedrés defendeu o uso do galego como "un instrumento e unha riqueza para construír pontes". Tirando de datos, puxo en valor que sexa a lingua cooficial "máis utilizada en España" e que "o 95% saiba falalo", o 97%, lelo, e o 85%, escribilo. "Nunca antes houbera índices de coñecemento e lectoescritura tan altos", afirmou.
O titular da Xunta advirte que non "tolerará" a "inmersión lingüística" nas escolas
En contra do modelo de "inmersión lingüística" de Cataluña, aludiu a un artigo da Revista Española de Pedagoxía para remarcar que alí os estudantes "baixaron 21 puntos" o seu rendemento. "Loitarei para evitar o que queren vostedes. Para quedar ben cos seus socios queren igualar por abaixo e que esteamos mal en rendemento escolar coa inmersión lingüística. Non o vou tolerar mentres sexa presidente da Xunta", avisou.
Malia admitir que toca "traballar" para "mellorar" a radiografía que plasmou o Ige, Rueda sinalou como "causa principal" do retroceso no uso do idioma a chegada de 115.000 migrantes a Galicia, que se traduciu na escolarización de 25.000 nenos aos que "hai que atraer ao galego".
"Se quere seguir querendo tanto ao galego que o vai afogando, non conte conmigo nin con este goberno. Nin coa maioría dos galegos", avisou Rueda a Pontón a un día da reunión na que o conselleiro tratará de buscar puntos de consenso cos grupos.
No seu segundo turno de palabra, a líder do BNG culpou ao presidente de "poñerse detrás da pancarta contra o galego" xunto "aos sectores máis ultra" hai 15 anos "por un puño de votos" en vésperas das autonómicas do 2009.
Convencida de que "sen igualdade non hai liberdade" no uso do idioma, Pontón preguntou de forma retórica "onde está o 50%" de presenza do galego nos medios de comunicación, a xustiza, a sanidade ou as estreas de cine.
E tras advertir que o BNG acudirá á xuntanza co conselleiro "coa mellor das disposición", a líder do Bloque adiantou que "se o tono é o mesmo" que o de Rueda na Cámara, o PP "estará demostrando que non quere acordo, senón só unha foto".
Rueda defende "o bilingüismo cordial"
Rueda, que non entrou a asumir ningún compromiso en relación co decreto do plurilingüismo ou o Plan Xeral de Normalización, amparouse na maioría absoluta colleitada en febrero para defender "un bilingüismo cordial", baseado na "riqueza" que supón ter dúas linguas oficiais.
Como prioridade fixou "prestixiar" a fala propia sen por iso descoidar que os rapaces "saiban castelán e un terceiro idioma para andar polo mundo".
Medidas orientadas aos neofalantes
Convencido de que a maioría dos galegos rexeitan o uso da lingua "como instrumento de ataque político", avanzou que entre as medidas que o conselleiro planteará este xoves aos grupos figurarán algunhas orientadas aos neofalantes.
Entre elas mentou máis dun cento de cursos de lingua e cultura galega para persoas procedentes doutros países, proporcionar apoio "en especial" aos alumnos que non naceron en Galicia, medidas para "aproveitar o enorme potencial do galego como ponte cara aos 200 millóns de falantes en portugués", avanzar na introdución do galego nas novas tecnoloxías e lanzar un programa de voluntariado lingüístico para crear grupos de conversa entre galegofalantes e neofalantes. "Todo iso farémolo dende unha premisa: a liberdade", sinalou.
Contundente, pechou o debate avisando ao BNG de que "se se empeña" en actuar como "a policía do galego", marcando "como falar", o convinte será que "vaia gardando a porra". "Os galegos, en liberdade, seguiremos falando o que nos pete", remachou suscitando o aplauso da bancada popular.



