Galicia entra en fase 3: isto é o que podes facer e o que non

Os galegos xa poden circular libremente por toda a comunidade tras 12 semanas confinados nas súas provincias
giphy
photo_camera Novidades no transporte, a mobilidade ou o lecer nocturno. ARQUIVO

Galicia entra este luns na fase 3 da desescalada, na que estas serán as principais novidades:

Vinte persoas e sen franxas

Coa fase 3 acábanse as franxas horarias para saír á rúa. E as reunións en espazos pechados ou ao aire libre amplíanse a grupos de ata 20 persoas.

Volta á oficina

Aínda que seguirá habendo teletraballo, a fase 3 implicará para moitos regresar á oficina, pero con distancia de seguridade.

Hostalería diúrna e nocturna

A fase 3 permite o consumo na terraza, no interior do local e agora tamén na barra, sempre coa premisa de manter a distancia de 2 metros entre clientes ou mesas e con grupos de non máis de 20 persoas. O aforamento sobe ao 75% en terrazas. Tamén poderán reabrir as discotecas e bares de lecer nocturno, aínda que con aforamento limitado ao 30% e sen posibilidade de usar a pista de baile. En hoteis e aloxamentos sobe o aforamento de zonas comúns ao 50%.

Máis aforamento no transporte

Desde este luns está permitido que se ocupen todas as prazas sentadas no transporte público en metro, autobús ou tren. Para aqueles que van de pé, un máximo de dúas persoas por metro cadrado. En coches particulares, dúas persoas por liña de asentos ou todos ocupados se conviven.

Mobilidade intracomunitaria

As comunidades en fase 3 que o desexen —Galicia si— poden autorizar os movementos libres en todo o seu territorio, pero non entre distintas autonomías.

Vodas, misas e enterros

Estas celebracións poderán reunir a máis xente na fase 3. As vodas, ata 150 asistentes ao aire libre e 75 en espazos pechados sempre que non se pase o 75% do aforamento legal do local. Os enterros e velorios terán unha asistencia máxima de 50 persoas ao aire libre e 25 dentro. E as igrexas poderán encher un 75% do seu aforamento para as misas.

Congresos e reunións

Os congresos, encontros, reunións de negocios ou conferencias están limitados a un máximo de 80 asistentes.

Comercio e mercados

Os comercios poden abrir cun 50% do aforamento e nos grandes centros comerciais reábrense as zonas comúns e recreativas. Tamén recuperarán aos poucos o pulso os mercados ao aire libre coa metade dos postos.

Máis oferta de lecer e cultura

Volven os touros con límite de aforamento nas prazas, así como os circos e outros espectáculos con carpa. Os cines, teatros e auditorios operarán con butacas preasignadas e á metade da súa capacidade máxima. Tamén volven as salas de concertos a un terzo do aforamento, mentres que os espectáculos ao aire libre poderán levar a cabo ante un máximo de 800 espectadores sempre que estean sentados. Tamén abrirán as súas portas zoos e acuarios e amplíanse as visitas a museos e exposicións. E flexibilízase o aforamento e as actividades en bibliotecas. Límite de 50 persoas en establecementos e locais de xogo.

Turismo activo

Abren os parques recreativos con menos de 800 persoas e poderanse realizar actividades de turismo activo e de natureza para grupos de ata 30 persoas.

Volven o fútbol e o ximnasio

Volve o fútbol e outros deportes con aforamento limitado ou directamente sen público. E poderase volver ao ximnasio sen usar os vestiarios e con límite de xente ao 33%.

Comentarios