Interceptado circulando pola A-55 cun cepo nunha roda

O vehículo circulaba á altura de Tui, sentido Portugal, no momento no que os axentes lle deron alcance
Vehículo interceptado en la Ap-55.DP
photo_camera Vehículo interceptado en la Ap-55.DP

A Garda Civil de Tráfico do Porriño interceptou un vehículo que circulaba moi amodo pola autovía A-55 cun cepo inmobilizador colocado nunha das rodas.

Segundo informou este martes o instituto armado, os feitos sucederon a semana pasada, cando varios usuarios alertaron de que un vehículo circulaba a unha velocidade moi reducida polo carril esquerdo da Autovía A-55, sentido Portugal, á altura do municipio de Tui.

Axentes do Destacamento de Tráfico de Vilaboa rapidamente déronlle alcance, comprobando que se trataba dun vehículo con matrícula portuguesa que avanzaba moi lentamente a causa do cepo inmobilizador que levaba colocado na roda dianteira dereita.

O turismo, cuxa roda estaba totalmente esnaquizada, fora inmobilizado horas antes por outra patrulla despois de que o seu condutor dese positivo nunha proba de consumo drogas cando circulaba pola N-550 á altura de Guillarei.

O condutor e titular do vehículo foi notificado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria por circular de forma neglixente e temeraria con evidente risco para os demais usuarios da vía.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Tui.