Morre un veciño de Celeiro achado flotando tras ir nadar en Area

O Pesca 2 rescatou o home, que foi evacuado de urxencia ao Hospital da Mariña, onde finalmente faleceu
Helicóptero Pesca 2. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Helicóptero Pesca 2. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O helicóptero Pesca 2 rescatou a última hora da tarde deste martes un veciño de Celeiro na praia de Area, do municipio de Viveiro. Un amigo alertou de que fora a nadar e non regresaba. O home, un coñecido chofer da localidade de 38 anos, foi evacuado de urxencia en estado crítico ao Hospital da Mariña, situado en Burela, onde finalmente faleceu.

 Os propios rescatadores realizáronlle manobras de reanimación durante o traslado. Xa en terra, esperábao unha ambulancia de soporte vital básico no heliporto do hospital. Lamentablemente, a súa condición era moi grave e non puideron facer nada por salvarlle a vida.

O aviso recibiuno a Policía Local pasadas as oito e cuarto da tarde indicando que deixara a roupa na praia e que estaba desaparecido. Na súa procura tamén mobilizouse a zódiac de Protección Civil de Viveiro. 

O suceso produciuse á altura das boias fronte ao albergue, onde o viron flotando. O helicóptero do Servizo de Gardacostas recolleuno e trasladou a Burela con aparentes síntomas de afogamento. Polo momento descoñécese que puido ocorrer e barállase unha indisposición.