¿Por que non hai troitas e salmóns no río Eo?

Iniciado na Pontenova un estudio sobre o declive da fauna no río, encargado polo Concello á USC e dirixido polo biólogo Fernando Cobo
Primeiras prospeccións de fauna no Eo, cerca do Pozo da Onda. CDP
photo_camera Primeiras prospeccións de fauna no Eo, cerca do Pozo da Onda. CDP

A Universidade de Santiago comezou este mércores un estudo sobre a falta de salmónidos no río Eo. Está dirixido polo biólogo Fernando Cobo e encargouno o goberno municipal da Pontenova, en cuxo tramo urbano comezaron as primeiras mostraxes. O alcalde da localidade, Darío Campos Conde sinalou que se trata dun "proxecto que se financia a través do plan único dá Deputación cun investimento de 10.000 euros, e do que se obterán resultados a finais deste mesmo mes co fin de coñecer as respostas a este declive".

Campos remarcou que esta iniciativa "é un clara aposta do goberno municipal da Pontenova en prol de preservar a nosa fauna e noso medio ambiente, e para coñecer así de xeito pormenorizado e científico o que pasa exactamente co río Éo para que ano tras ano as cifras de troitas e salmóns, diminúan, o que conlevaría a extinción destas especies, algo que sería letal para a nosa comarca".

O declive da poboación de troitas e salmóns, con flutuacións importantes na súa pesca duns anos a outros, é un tema recorrente en toda a conca do Eo e os seus afluentes. "O río Éo temos que preservalo, mimalo e coidalo", indicou Darío Campos. Os pescadores sinalaron múltiples causas, desde a contaminación, a falta de limpeza de vexetación que asombra as ribeiras (que moitos biólogos rexeitan), a acumulación de obstáculos na canle, o cambio climático, a chegada doutras especies competidoras río arriba como a boga, etc.

O rexedor afirmou que "o río Eo é vital no futuro da nosa vila, e entre todos temos que mantelo e conservalo, aínda que non sexa unha competencia local. Hai que lembrar que o noso Concello sempre foi un punto de encontro e un referente para os pescadores de toda España. Por iso temos que seguir impulsando propostas e iniciativas que contribúan a mellorar a nosa comarca e noso medio ambiente".

Comentarios