Penas de entre 1 ano e 4 meses por estafar a unha anciá con demencia en Vigo

Os feitos sucederon durante a estancia da muller na residencia Hermanos Misioneros Pobres de Teis

Catro acusados de estafar a unha anciá coas facultades mentais mermadas aceptaron este luns penas que oscilan entre un ano e catro meses de cárcere nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia de Pontevedra.

Nesta causa hai un quinto procesado, o responsable da residencia dos Hermanos Misioneros Pobres de Teis, José Donaire, quen se ausentou por motivos de saúde mental.

O tribunal resolveu abrir unha peza separada e encargar un informe forense para determinar se, efectivamente, o seu estado faino inimputable.

As penas de maior contía, un ano e unha multa de 6 meses a razón de 2 euros diarios, recaeron en Nelsa I.M. e Adonis M.M.B., quen ademais de convencer á vítima de que lles transfira diñeiro das súas contas incitárona a que os nomease herdeiros.

Ángel M.S., quen coincidiu coa vítima na residencia e tamén a convenceu para que lle realizase varios reintegros nas súas contas correntes, aceptou 4 meses de cárcere, aínda que poderá suspender a execución da pena a condición de que pague 1.000 euros de responsabilidade civil e non delinca durante dous anos.

A mesma condena recaeu nun colaborador da residencia, José Miguel A.B., como cómplice dun delito de estafa agravada, xa que do mesmo xeito que o responsable persuadírona para que legase a súa herdanza no centro e non informaron da súa incapacidade aos servizos sociais da Xunta nin do Concello de Vigo.

Segundo se recolle no escrito da Fiscalía, a vítima presenta un cadro que a fai altamente vulnerable e é incapaz de gobernar a súa persoa e os seus bens desde 2007, ano no que coñeceu ao primeiro estafador na residencia dos Hermanos Misioneros Pobres de Teis.

Ademais, o representante do ministerio público fai constar que a anciá gozaba por entón dun "elevado status económico" por herdanza da súa familia, xa que era titular dun piso e de varias contas correntes e depósito a prazo fixo que case sumaban os 400.000 euros.

Un patrimonio que foi minguando coas transferencias que foi realizando primeiro a Ángel M.S., con retiradas periódicas no caixeiro, cada dez ou quince días, que superaron os 25.000 euros; e logo á irmá deste, Nelsa I.M., quen se foi a vivir coa anciá ao seu piso co pretexto de facerlle compañía.

Neste caso, o importe do defraudado ascendeu aos 48.000 euros, e ademais Nelsa I.M. convenceuna para que fixese testamento ao seu favor.

Finalmente, Adonis M.B.B. cruzouse na vida da vítima e con idénticas artimañas conseguiu dela case 30.000 euros e que o nomease herdeiro universal.

No establecemento de penas, o tribunal tivo en conta as atenuantes de dilacións indebidas e de reparación do dano.

Orixinalmente, a Fiscalía pedía penas que oscilaban entre os dous anos e medio e os catro anos de cárcere.

No capítulo das indemnizacións, a Audiencia de Pontevedra resolveu que Ángel M.S. indemnice á vítima ou á Fundación Galega de Tutela de Adultos (Funga) con 1.000 euros; Nelsa I.M. con 20.000 euros e Adonis M.B.B. con 23.000 euros, e, adicionalmente, a nulidade dos testamentos que aquela fixo no seu favor e no da residencia.