SUSO DÍAZ, SINDICALISTA E PAI DE YOLANDA DÍAZ

"A presión de Podemos a Yolanda igual busca frear o éxito de Sumar"

Aínda que foi un dirixente histórico de CC.OO. e referente da loita obreira, este guitiricense é hoxe máis coñecido por ser o pai da vicepresidenta  Yolanda Díaz. E tamén por pechar a lista de Unidas Podemos na Coruña para o 28-M, en plena lea estatal entre os morados e a súa filla
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Suso Díaz e José Manuel Sande, candidato de Unidas Podemos A Coruña. POR CORUÑA

Como acabou na candidatura de Unidas Podemos na Coruña?
Nesta cidade sempre houbo unha relación moi boa entre Esquerda Unida e Podemos. E eu tiña unha amizade moi estreita co que foi senador de Podemos José García Buitrón, falecido recentemente. Así que era difícil dicirlles que non. Ademais, hai un motivo que tamén me leva a ir na lista e é que eu estarei sempre onde haxa unidade. Hai uns meses un grupo de 21 persoas lanzamos un comunicado pedindo esa unidade, que con EU e Podemos foi posible pero que no caso da Marea Atlántica non.  

En todo caso, viñeron buscalo?
Pedíronme se quería ir e díxenlles que si, pero de último.

Vostede levaba tempo facendo política desde plataformas como a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica ou SOS Sanidade Pública e dicía estar cómodo. Por iso sorprende este salto.
Si que estaba estupendamente. E, de feito, métome na lista pero de último e só para amosar o meu apoio. Aínda que imaxino que nalgún acto terei que falar [ri].

"Buscan o morbo do pai que está en contra da filla pero non é o caso"

Houbo moito morbo con que Suso Díaz, pai de Yolanda Díaz, vaia na lista con Podemos cando ese partido está atacando tanto a súa filla. Pero en realidade vostede vai na lista como membro de EU, non?
Eu sigo sendo militante do Partido Comunista e de Esquerda Unida. É certo que se busca un morbo que non existe, porque a prensa fala da lista de Podemos, cando en realidade é Unidas Podemos e eu son parte de EU. Esquerda Unida e Podemos presentan candidaturas unitarias en nove autonomías e tamén en moitísimos concellos, máis de trinta no caso de Galicia. O que ocorre é que agora hai problemas entre a dirección política de Podemos e Yolanda Díaz e din iso de que "el papá va con Podemos y está en contra de la hija". Que podería ser e non pasaba nada, pero este non é o caso.

Vostede sempre foi un firme defensor da unidade política
A unidade é o meu obxectivo. Cando xurdiron as mareas no ano 2015 un grupo de colegas integramos Iniciativa pola Unión (IxU) coa idea de que o BNG concorrese de forma unitaria con Alternativa Galega de Esquerda (Age). Todo o mundo se sorprendía de que eu estivese nunha plataforma co Bloque, pero o obxectivo era pelexar ata o final por esa unidade. Logo o BNG deu marcha atrás e eu, ante iso, dixen: aquí xa non teño nada que facer, así que marcho.

Ten un programa boísimo feito por mil persoas, pero gústame sobre todo que creou unha nova ilusión na esquerda

Hai marxe para pactar entre Unidas Podemos e Marea Atlántica?
Oxalá! Pero tecnicamente non é posible polos prazos para presentar as coalicións. En setembro ou outubro mandóuselle unha carta desde Podemos e EU á Marea Atlántica para reunirse e buscar unha candidatura unida, pero esa carta nunca tivo resposta. Nunca tiveron intención de chegar a acordo, o que nos vai prexudicar ás dúas forzas, desgrazadamente. Aínda que eu estou convencido de que nós imos ter representación.

Onde si queda tempo para o acordo é a nivel nacional entre Podemos e Sumar. Como o ve?
Non debera haber ningún problema, pero eu non entendo o que está pasando coa dirección nacional de Podemos, con Pablo Iglesias, que é o que realmente manda a pesar de que se retirou. Non comprendo esa presión a Yolanda, porque faltan non sei cantos meses para as eleccións xerais, hai antes outras municipais e autonómicas importantes, e estás esixindo xa unhas primarias abertas. Algo que, por certo, eles nunca fixeron, porque en Vista Alegre II ou nas mareas o que había eran listas plancha, non primarias abertas. Creo que Podemos está presionando a Yolanda pensando que non lles vai aceptar as primarias e si que o vai facer, pero temo que non os vai convencer, porque non lle vexo moitas ganas de unidade á dirección de Podemos.

Por que?
Se realmente queres unidade non estás un día si e outro tamén con esa estratexia de presión, como fai Podemos, senón que calas a boca, chamas por teléfono, reúneste e arranxas o problema. Oxalá me equivoque, pero penso que ante o éxito que parece que vai ter Sumar polo que din algunhas enquisas, a intención de Podemos é atacar Sumar para que non teña éxito.

Que lle parece Sumar?
Está ben. Penso que ten un programa boísimo, elaborado por máis de mil persoas e para gobernar dez anos España. E gústame sobre todo porque co proxecto de Sumar se creou unha nova ilusión no seo da esquerda.

Captura
Suso Díaz y su hija Yolanda.

"Non volvemos a Guitiriz desde a pandemia" 

Vén a súa filla por Galicia?
Vén pouco porque non ten tempo. Pero esta fin de semana si virá comer á miña casa. 

E falan de política?
Si que falamos, non imos falar de fútbol [ri]! Pero momentos puntuais, porque entendo que ela estará ata a ‘coronilla’ de todas esas cousas. E ademais non fai falla que eu lle diga nada porque ten moita experiencia e sabe ben o que ten que facer.

Tivo que pedirlle permiso para ir na lista da Coruña?
Nin se enterou! O día que se soubo alguén de Podemos mandoulle a miña foto con Sande e a nota de prensa de que iba de último da lista e felicitoume polo Telegram.

E visitou algo Guitiriz?
Desde a pandemia non! Estiven antes da pandemia, e Yolanda tamén, na casa dos seus primos, e quedamos a comer. Pero logo veu a pandemia e fíxose máis difícil. E agora que ela está tan liada, menos.
 

Comentarios