Un profesor recolle 11.500 firmas para solicitar unha volta ao colexio "segura"

"Non podemos quedarnos cegos e mudos abandonando á súa sorte a cada centro", indica Sérgio Nunes
Aula vacía. ARQUIVO.
photo_camera Aula baleira. ARQUIVO.

Un profesor galego reuniu na plataforma Change.org máis de 11.500 firmas para esixir á Xunta de Galicia unha volta ao colexio "segura" este setembro. 

Sérgio Nunes, este profesor, entregaraas este martes, 48 horas antes de que se celebre a conferencia sectorial na que Sanidade e Educación abordarán coas comunidades a organización da volta ao colexio este curso, marcada pola pandemia da Covid-19. 

"Non podemos quedarnos cegos e mudos abandonando á súa sorte a cada centro, coma se a prevención da propagación da Covid-19 fose unha mera cuestión de xestión organizativa de cada escola e non un compromiso decidido, claro e planificado dos responsables para xestionar a política educativa no noso país", explica Sérgio no texto. 

Nel reclama, entre outras medidas, a redución do número de alumnos por grupo e por curso e a dotación de material para poder seguir as indicacións sanitarias. 

Sérgio é profesor no IES de Rodeira, en Cangas (Pontevedra). A súa petición parte dun texto aprobado de forma unánime polo claustro deste centro educativo o pasado 2 de xullo e é unha mostra das peticións iniciadas por familias e profesores en distintas comunidades. 

Comentarios