Reto pontés para xente sen vertixe

Cando se fala de alturas nas Pontes, deixándolle o protagonismo que merece ao Caxado —o pico máis alto da provincia da Coruña—, a imaxe que invade moitas cabezas é a gran cheminea, de 256 metros. Pero as paredes do Eume, paraíso de escaladores, gáñanlle con algunha das vías de adherencia máis longas de Europa

Escalada nas Fragas do Eume.NACHO CABALLERO
photo_camera Escalada nas Fragas do Eume. NACHO CABALLERO

OS QUE AS PROBARON aseguran que é unha das grandes zonas para facer escalada. Pero pese a levar case catro décadas sendo o reto de moitos amantes das alturas, as grandes paredes da parroquia pontesa de San Pedro de Eume, enmarcadas dentro do parque natural das Fragas do Eume, son un segredo para moitos. A falta de regulación dun deporte só apto para xente sen vertixe é quizais un dos maiores freos para o despegue do que é o límite natural co concello veciño da Capela.

"O contorno paisaxístico é excepcional e conta con algunhas das vías de escalada máis difíciles de toda Galicia", explican dende a delegación galega de Escalada Sostenible, unha plataforma que leva anos traballando na procura da regulación dun deporte minoritario pero con seguidores fieis.

A zona de escalada pontesa, situada a pouca distancia do encoro do Eume, divídese en tres partes diferenciadas: dúas de escalada de adherencia, Ventureira e Xesteira, "con grandes placas de granito de ata 300 metros de percorrido", e unha parte superior, con diferentes sectores, "onde se combina a escalada de adherencia con zonas máis técnicas e atléticas". Estas están na antiga canteira, esa da que saíu a pedra entre o ano 54 e o 57 para levantar a presa, hoxe titularidade de Endesa, antes de Unión Fenosa —daquela época aínda quedan os restos dos barracóns dos traballadores—.

Hai abertas 130 vías de escalada, que oscilan entre os oito e os 300 metros de altura



En total, hai abertas 130 vías de escalada, que oscilan entre os oito e os 300 metros de altura. "As vías de adherencia posiblemente sexan as máis longas da Península Ibérica e ten algunha das máis longas de Europa neste estilo", explica Inma Caeiro, unha das responsables de Escalada Sostenible Galicia, que asegura que a calidade dalgunhas delas "non ten nada que envexar ás doutras zonas moi valoradas a nivel internacional".

O pero? "Como contrapartida ten o problema da humidade habitual nas paredes, que se manteñen molladas longos períodos de tempo despois de épocas con abundantes choivas, o que limita moito a práctica da escalada nestas condicións", explican.

A primeira ascensión da que se ten referencia é na parede da Xesteira no ano 1979



A primeira ascensión da que se ten referencia é na parede da Xesteira no ano 1979. E catro décadas despois, pese a que hai visitas habituais de deportistas, a escalada polas paredes do Eume aínda non ten a fama da doutros lugares.

"A mellor época para ir é a primavera ou o outono, cando as temperaturas son suaves e a choiva adoita permitir a práctica algo máis que no inverno", explican os expertos. "É cando máis xente vai, sobre todo nas fins de semana, aínda que rara vez coinciden máis de dez persoas ao mesmo tempo", aseguran.

A barreira, a normativa. A zona de escalada está dentro dun espazo declarado como Zona Especial de Conservación (ZEC), incluído na Rede Natura 2000 de Galicia. E a falta de normativa nun espazo protexido, que ademais aínda non conta co seu correspondente plan reitor de uso de xestión, é a maior barreira para os afeccionados ás alturas.

"A escalada está permitida pero non regulada, a normativa establece que dentro destes espazos é unha actividade 'autorizable' e débese pedir autorización á administración competente", din. A solicitude faise de forma nominal, á Xunta e ao parque, sempre e cada vez que se desexe subir por algunha das vías.

"Nestes momentos estamos traballando por un modelo máis dinámico, no que se prime a protección da natureza, pero que á súa vez sexa compatible coa nosa práctica. Cremos que non ten sentido a interpretación da normativa a través dunha autorización nominal e cremos xustificada a pretensión de que se adopte o modelo de autorización permanente e revisable dentro de cada zona de escalada existente nos espazos catalogados como ZEC da Rede Natura 2000", din, e piden "o esforzo necesario á administración" e colaboración aos escaladores.

Dende o club de montaña O Caxado das Pontes, a posición é similar. "Nós imos ás veces, pero a título individual. É algo que non podemos potenciar. Está dentro do parque e hai que pedir permisos especiais por escalador, hai que estar federado e necesitariamos ter unha escola para facer máis actividades", din, recordando que hai anos se organizou alí unha competición a nivel galego.

Comentarios