Rubén Cela renuncia a encabezar a candidatura do BNG en Santiago no 2019

A decisión "responde exclusivamente a unha cuestión de tipo persoal e familiar"

Rubén Cela. LAVANDEIRA JR
photo_camera Rubén Cela. LAVANDEIRA JR

O portavoz local do BNG en Santiago de Compostela, Rubén Cela, anunciou este martes que non repetirá nas próximas eleccións municipais como candidato. 

Segundo explicou Cela –que entrou como concelleiro no Pazo de Raxoi en 2011– en rolda de prensa, esta decisión "responde exclusivamente a unha cuestión de tipo persoal e familiar". 

"Son dos que penso que para ser portavoz dun grupo político no goberno ou na oposición require dun traballo, dispoñibilidade e esforzo que non vou ter nun futuro e o que me parece máis honesto, coherente, sensato e mellor para o BNG e tamén para a Corporación é dar paso a outras persoas", asegura. 

Após comunicar a súa decisión á asemblea local do Bloque, Cela di "ser consciente de que é o mellor momento" para tomar esta decisión porque o BNG en Compostela está "nunha boa posición" ao conseguir nos últimos anos reactivar a base militante e simpatizante. 

"Para min esta foi unha das decisións máis complicadas da miña vida, pódovos asegurar que, sen dúbida, foi a máis pensada e repensada, e responde exclusivamente a unha cuestión de tipo persoal e familiar", informou Cela, polo que "non ten nada que ver coa vida municipal nin política". 

Así mesmo, asegurou que vai seguir "deixándose a pel" no próximo ano para "facer unha boa oposición", que seguirá fiscalizando ao goberno local, pero será "propositiva, positiva e coa man tendida a chegar a acordos naqueles asuntos que sexan bos para os veciños de Santiago". 

Comentarios